Amicos culmina o seu curso de cociña en Porto do Son

Este venres 25 de xuño levouse a cabo no Viveiro de Empresas de Porto do Son a entrega de diplomas dun Curso de Cociña que se desenvolveu, impulsado por Amicos, durante este mes de xuño nas instalacións de cociña do dito centro empresarial sonense. Participaron un total de once mulleres de diferentes poboacións do concello.

O acto de entrega estivo presidido por Jose M. Pazó, orientador laboral do Concello de Porto do Son; Manuel Mariño, presidente da Asociación de Empresarios de Portosín; o formador do curso Miguel Mosteiro, xefe de cociña en Gastrolab Arousa; e Miguel Beiro, responsábel da área de emprego de Amicos.

Mari Carmen García, unha das participantes na actividade formativa impulsada por Amicos

“Sabemos que a vosa implicación foi excelente e esperamos unha pronta inserción laboral”, así lles daba os parabéns Miguel Beiro as integrantes deste curso.

“Temos asociada moita xente en hostalaría e esperamos contar axiña con vós para vindeiras insercións laborais”, reafirmou Manuel Mariño, presidente da Asociación de Empresas de Portosín.

Pola súa banda, Jose Pazó, salientou o feito de poder seguir contando con Amicos para realizar cursos e mellorar a formación dos veciños do concello para a súa integración no tecido empresarial.

Miguel Beiro na entrega de diplomas

Demostración de cociña en directo

Trala entrega de diplomas levouse a cabo unha demostración gastronómica feita polas propias participantes do curso para por en valor todo o aprendido. “Tiveron unha implicación moi notábel. Cada día fixemos entre seis e oito elaboracións, tentando facer sempre un menú completo cunha ou dúas sobremesas. Tamén intentamos que os pratos foran variados entre carnes e pescados”, explicaba Miguel Mosteiro, formador do curso.

A nivel técnico adquiriron habilidades en diferentes tipos de cortes, fumés, sofritos, masas e moita variedade de repostería.“O que máis me gustou foi aprender a facer repostería e diferentes tipos de salsas. Agora gustaríame traballar de axudante de cociña”, expuxo Mª Carmen, integrante do curso.

Este proxecto desenvólvese ao abeiro do Proxecto Máis Emprego en colaboración coa Fundación La Caixa e o Fondo Social Europeo, que permite mellorar a formación e a empregabilidade de persoas con discapacidade e ou en risco de exclusión social. Esta acción formativa tamén tivo un complemento do título de manipulador de alimentos para oito das participantes.