“Alfonso Paz-Andrade, In Memoriam”. Antón Luaces

07 Xuño 2021

Aínda ecoaban as quince badaladas dun teórico reloxo que, en Gondomar, marcou o final do tempo de Alfonso Paz-Andrade, admirado amigo e empresario galego e galeguista, herdeiro directo dos sentimentos de seu pai, Valentín, intelectual desta Terra nosa tan necesitaba sempre de homes bós e xenerosos. Fóise a bordo do seu mítico coche setentòn cando el, Alfonso, peiteaba os seus primeiros oitenta anos, con moitos plans no cartafol da súa vida de empresario de todos os maresAlfonso Paz-Andrade deixou de navegar nesta xeografía nun luns solleiro no que a pandemia da COVID-19 semella pasar xa a un segundo plano da actualidade. 
O corpo de Alfonso Paz-Andrade tivo que ser excarcerado polos bombeiros do Baixo Miño. Tal foi o estado no que quedou o vehículo que el mesmo guiaba. Viaxaba só e todo fai pensar que unha indisposición física provocu qaue perdera o control do automóbil e que Galicia perdera deste xeito un recoñecido empresario que nos anos 70 deu pulo a unha daquela desmotivada Pescanova. Lugar de Area, parroquia de Peitieiros, na sempre fermosa Gondomar. Aquí finou, aquí rematou os seus sonos. Tantos que tivo e aínda tiña.

Un amigo benquerido dos dous, Xoán Vila Valcárcel, presentáranos. Ambos os dous navegan xa noutros mares. Dende o primeiro momento concordamos en moitas cousas. El, Alfonso, gadañando para a Galicia pesqueira e eterna dende Pescanova mais coa ollada posta na World Fishing Exhibition, feira na que recuncou para converter Vigo na capital pesqueira do mundo.Tiña plans, moitos plans, Alfonso Paz-Andrade. A súa vida empresarial non rematou, nen moito menos, coa venda que fixo vai oito anos da maior parte do accionariado persoal de Pescanova, inmersa xa esta empresa nunha crise dura e dorosa na que a cúpula de Pescanova pasou pola Audiencia Nacional e na que o propio Paz-Andrade tivo que pagar con unha condea mínima, pero condea ao fin e ao cabo,  que foi inicialmente dun ano e multa e que, finalmente, se rebaixou substancialmente.

Na empresa, no mundo editorial e na cultura, a pegada de Alfonso Paz-Andrade é e será sempre indeleble. Viaxeiro incansable, sempre tiña tempo para, no país que visitara por mor da súa actividade empresarial, sempre dispuña dun comentario amable que me facer do programa “Españoles en la Mar” que eu dirixía e presentaba en Radio Exterior de España e no que o propio Alfonso intervira en tantas oportunidades. Agora só nos queda a relembranza dese home que o foi todo en Pescanova, na revista Industrias Pesqueras, na World Fishing Exhibition, no Consello do Porto de Vigo, na Mutua Galega, na tamén desaparecida Caixanova, no Consello da Cultura Galega e nunha manchea de fundacións culturais como a Castelao, a Neira Vilas, a Luis Seoane, a Galicia-Europa e outras, amáis da empresa familiar Ibercisa, unha das máis cualificadas internacionalmente dentro da  produción e exportación de maquinaria naval.Boa proa, Alfonso, e sempre vento a favor nese mar de soños no que estás inmerso desde estas primeiras horas da tarde no Gondomar de sempre. Xa non poderemos seguir falando de mar e barcos, de mariñeiros e conxelados, de caladoiros e empresas. Pero un día, sen presa, coma de vagar,  percorreremos xuntos de novo os camiños da ilusión que non cesa para seguirmos a falar de Galicia e os galegos de sempre.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

Fóronse meus dous irmáns: Mato, o maior, e Santi, o pequeno. O maior, morreume hai unhas semanas. O máis novo, o día do Pai. Se Xesús tivo vida longa e froitífera, Santi foise moi cedo despois de poñer unha pica en Bristol. Os tres somos tamén agora irmáns en terra:...