Adxudicada a obra do Punto de Encontro Familiar de Ribeira

A Xunta de Galicia adxudicou á empresa pontevedresa Actividades de Construcción, Edificaciones y Viales, SL (ACEVI) a obra de construción do novo Punto de Encontro Familiar (PEF) de Ribeira. O centro contará cun investimento de 128.500 euros, aos que hai que engadir outros máis de 150.000 euros anuais para o seu mantemento. O director xeral de Familia, infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou na mañá deste 9 de xuño o espazo onde se situará o futuro PEF.

Segundo fixo saber, o prazo de execución dos traballos é de catro meses, polo que se estima que o centro estará listo para a súa apertura no último cuadrimestre do ano. “Será un servizo destinado a atender ás veciñas e veciños de toda a comarca, que agora se teñen que trasladar a Santiago para realizar estas visitas”, sinalou o director xeral, engadindo que o Concello de Ribeira converterase con esta iniciativa “no primeiro de Galicia en contar cun Punto de Encontro Familiar fóra das sete cidades”.

Este punto permitirá que as nais e pais separados ou en trámites de separación do Barbanza realicen as visitas que lles corresponden dun xeito seguro.