A unha distancia superior ós 10 quilómetros da costa do Cabo Ortegal, a compañía eléctrica Iberdrola pretende instalar un parque eólico mariño cuxa potencia sería de 490 MW. Debido á profundidade da zona, empregaríanse estruturas frotantes e non jacquets. O alcance ambiental deste parque -ao igual que outro das mesmas características a construir en Punta Langosteira- xa está solicitado ao Ministerio de Transición Ecolóxica. Estas peticións rexistráronse xa a pasada semana. De entrada, nin a Xunta nin a confraría de pescadores de Cariño están en desacordo cos proxectos.
Todo este procedemento baséase nun informe de alcance ambiental elaborado pola Dirección General de Calidad y Evaluación Ambiental que será quen se encargue de establecer o contido que, no parecer da administración, debe contemplar o estudo de impacto ambiental a presentar polo promotor cando realice a solicitude de autorización administrativa do proxecto, segundo o Ministerio de Transición Ecolóxica.Para a Xunta de Galicia aínda non é o momento de falar de proxectos de eólica mariña. Francisco Conde, vicepresidente económico do goberno galego, coida que máis ben debe falarse dos seus “condicionantes” para estabelecer “as bases” do seu futuro desenvolvemento. Pero non amosou rexeitamento algún nin á localización dos parques eólicos mariños nin ao que estes poden significar para a pesca, se ben tivo a esta moi en conta cando sinalou que “estamos nun contexto de desenvolvemento da eólica mariña no que a Xunta entende que temos que posicionarnos, pero nestes momentos estamos a falar de sentar as bases do futuro do sector, non estamos falando en ningún caso de proxectos concretos”.A Comunidade Autónoma de Galicia apoia o traballo coa industria e o sector pesqueiro, tendo en conta as garantías medioambientais e a compatibilidade pesqueira.Por parte da confraría de pescadores de Cariño, directamente implicada nas consecuencias da instalación dese parque eólico mariño na zona do Ortegal, o seu patrón maior, Javier Pita López, manifestou a este xornal a súa satisfacción persoal porque unha decisión de tal calibre chegue a tomarse “canto antes mellor”. Para Pita López dese proxecto cuxa realidade dí non coñecer a fondo “só se poden desprender cousas boas. Por exemplo, xerando posibilidades para a pesca grazas a que os aeroxeradores poden servir plenamente como arrecifes artificais. Paréceme ben a ecoloxía e as eólicas mariñas proporcionan enerxias limpas. Estou totalmente a favor de que se elimine o gasóleo. No Ortegal sempre temos vento, e este é unha fonte enerxética dunha dimensión inconmensurable. Un vento que pode ser molesto en algún momento, pero cuxos efectos na produción enerxética non fan dano a ninguén, senon todo o contrario: benefíciannos a todos. Para o noso sector pesqueiro non é un problema e, particularmente, como patrón maior da confraría de pescadores de Cariño, vexo moi ben que se instale ese parque eólico na nosa zona marítima”. A Consellería de Medio Ambiente, pola súa banda, manifestou que a Xunta “lamenta que o Goberno central siga a insistir en que se avalíen proxectos de parques eólicos que, pola súa localización, están fora das áreas de desenvolvemento destes elementos previstas na comunidade galega” e que a regla xeral para a instalacións dun parque eólico en Galicia “é a de que se sitúe nunha área de desenvolvemento eólico contemplada no plan sectorial e, baseándose en esto, o Goberno xa informou desfavorablemente un total de 35 proxectos estatais que non cumpren a condición”.