Preséntanse novas edicións da novela La Casa de la Troya de Alejandro Pérez Lugín, por primeira vez en galego, italiano e danés

Presentación das edicións da “Casa da Troya”. Casino de Santiago

Alejandro Pérez Lugín escribiu a novela La Casa de la Troya en 1915, con portada ilustrada por Castelao. Esta mañá o Casino de Santiago -un dos espazos históricos que aparece no libro- acollía a presentación de tres novas edicións, traducidas ao galego, ao italiano e ao danés. O Museo Casa de la Troya celebra así o Día Internacional dos
Museos, sumándose ao DIM Compostela, nome baixo o que oito Museos da cidade conmemoran esta data cunha programación especial. No acto estiveron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a tradutora do galego, Mercedes Pacheco; a tradutora do danés, Pia Poulsen; o presidente da Asociación Cultural “Café Casino de Santiago”, Ubaldo Rueda; e o presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o Museo da Troya, Benigno Amor.
A versión galega
A edición en galego, de Auga Editora, parte da número 64, primeira das publicadas pola librería Galí de Santiago e, probablemente, a última corrixida polo autor. Tal como indica a tradutora, Mercedes Pacheco, “podemos considerala como a reimpresión fixada definitivamente por Pérez Lugín. Aínda que existen outras edicións corrixidas, por primeira vez ofrecemos o texto revisado e actualizado conforme aos criterios ortográficos e gráficos actuais. Con todo isto esperamos contribuír a poñer en valor unha novela célebre que nunca perdeu o aplauso e afecto do público”.
A tradutora sinala que a novela “ten os ingredientes para gozar coa súa tradución: estilo áxil, variedade de personaxes e ambientes, diversidade de rexistros lingüísticos, descricións detalladas, referencias históricas… e, de fondo, unha cidade como protagonista, Compostela”. Salienta que “Pérez Lugín converteu esta obra nunha excelente embaixadora da cidade de Compostela, polo fiel reflexo da época, polo magnífico retrato psicolóxico da súa sociedade, pola homenaxe que lle fai á tuna e polo canto a Galicia que se desprende das súas páxinas”.
O prólogo desta versión é de Manolo Fraga, director de Vía Láctea Comunicación.
No mesmo resalta que “o Museo Casa de la Troya quere manter vivo o espírito vertido na obra de Lugín. Cómpre lembrar que este romántico museo é a historia dunha paixón, a de Benigno Amor Rodríguez, que faleceu en 2009”. E fai referencia ao “triángulo troiano, que abrangue a tuna, o museo e a novela”.
A versión danesa
A responsable da versión danesa é Pia Poulsen, que a publicou coa editorial Aurora Boreal de Dinamarca, especializada en literatura española e latinoamericana, en colaboración co Museo Casa de la Troya. Explica que ela séntese “muy vinculada con la historia que se relata en la novela porque, al igual que el protagonista y el propio Pérez Lugín, yo vine de fuera y me enamoré de Santiago. Igual que Gerardo, fui muy bien acogida por los gallegos y por la tuna. He estudiado e impartido clases en la Universidad de Santiago, donde estudiaron los protagonistas del libro. Al poco tiempo de llegar a la ciudad compré la novela, que es una declaración de amor a Santiago y a
Galicia. Es un libro lleno de sentido del humor, de nostalgia, de poesía. Llevo muchos años deseando verlo editado en traducción danesa y el sueño ahora se ha cumplido”.
O prólogo da versión danesa é de Julio Jensen, profesor do Departamento de Inglés e Linguas Xermánicas e Románicas da Universidade de Copenhague, de raíces españolas. Destaca que “o libro presenta múltiples formas e niveis expresivos dalingua española. Polo tanto, esta multitude de voces requiren a unha tradutora que posúa un entendemento excepcional das tradicións españolas e galegas. Grazas a este impoñente labor, os lectores daneses agora teñen acceso a unha obra rica e entretida que ofrece unha impresión sen igual da vida dos galegos”.
A versión italiana
Pola súa parte, a primeira edición italiana da novela realizouna unha asociación cultural estudantil da Universidade de Padua, a Associazione Culturale Calzae Academia que preside Umberto Volpini e que, con motivo dos 800 anos da
universidade, publicou unha serie de volumes dedicados á historia estudantil. O presidente amósase “feliz de haber traído primero a Italia esta obra inmmortal, como una joven docenlla centenaria”.
A novela, que ten unha versión teatral e foi levada ao cine ata en cinco ocasións, tamén está traducida ao portugués, ao inglés e ao francés Alejandro Pérez Lugín (1870-1926) naceu en Madrid pero na súa adolescencia trasladouse a vivir a Santiago, onde se licenciou en Dereito. Así, viviu de primeira man a vida universitaria compostelá, que recrearía na súa novela. La Casa de la Troya  reflicte aspectos da sociedade santiaguesa e os seus costumes ao longo da segunda metade do século XIX. Narra o periplo compostelán de Gerardo Roquer, ao que o seu pai envía a estudar á Universidade de Santiago, canso da súa vida ociosa en Madrid.
Recala na pensión de estudantes la Casa de la Troya, onde coñece o amor e a compañeiros de aventuras cos que vai experimentar a intensidade da vida estudantil.
Tal como lembra Benigno Amor, “desde o primeiro momento a novela foi un éxito, realizándose outras tres edicións máis no ano da súa publicación, 1915. En 1916 recibiu o premio Fastenrath, concedido pola Real Academia Española, o que acrecentou a súa popularidade. En 1925 as edicións eran xa trinta e en 1946 existían setenta. En 1970 vendíanse en España 10.000 exemplares anuais da novela. Ao mesmo tempo, tamén era publicada fóra do país, de maneira que na actualidadesupérase o centenar de edicións. Nos anos oitenta era considerada a obra con máis edicións en lingua castelá despois da Biblia e El Quijote”.
Amor pon de relevo que “a novela foi utilizada como obra auxiliar no ensino do castelán, tanto en nacións hispanofalantes como en escolas e universidades doutros países. Ademais, foi traducida ao portugués, ao inglés e ao francés. O seu éxito fixo que se realizara unha versión teatral e se levara ao cine ata en cinco ocasións”.