O PSOE de Ribeira solicita a reparación dun camiño en Olveira

O PSOE de Ribeira presentou un rogo para ser debatido en pleno relativo ao camiño de Rivadulla, na parroquia de Olveira, entre os lugares de Meiladín e Xeixenta. Este vieiro (infraestrutura viaria 9010) presenta, segundo os socialistas un “estado lamentábel”, polo que é preciso melloralo nunha distancia de 400 metros lineais. Así llo fixeron saber ao PSdG local os veciños de Olveira.

E engaden: “O citado camiño público pavimentado con asfalto pobre presenta innumerábeis fochas e descalces no trazado, facendo penoso o tránsito por dita vía. O ancho establécese variábel de entre tres a cinco metros. Esta situación do rueiro en mal estado impide a súa utilización axeitada por parte dos veciños do lugar, propietarios das fincas, e usuarios en xeral.

En virtude de todo o exposto, os socialistas solicitan que “polos servizos técnicos do Concello se proceda a realizar un proxecto de compactado e pavimentado da vía pública 9010 (entre Meiladín ea Xeixenta), con cunetas e nova capa de rodaxe, nunha lonxitude duns 400 metros lineais, co obxectivo de mellorar a conexión e accesibilidade viaria dentro da parroquia de Olveira, e por ende dentro do Concello de Ribeira”.