O PP apoia no Parlamento que a Xunta e o Concello de Ribeira colaboren na rehabilitación do Porto da Covasa

O Grupo Popular emitiu este 7 de maio un comunicado no que expresa o seu apoio no Parlamento de Galicia á aprobación dunha proposición non de lei a través da que se insta ao Goberno galego a colaborar co Concello de Ribeira na investigación do Peirao da Covasa en Aguiño (coñecido tamén como Muelle Fenicio) e na súa posterior rehabilitación e posta en valor.

Neste sentido, a deputada Ana Belén García Vidal lembrou que “se trata dun ben propiedade do Estado, polo que o Goberno central non só está totalmente facultado para conservalo, senón que ten o deber de facelo”.

García Vidal explicou que “o estado actual do Porto da Covasa fai que poidamos falar dunha ruína consolidada, con interese para a súa conservación e mantemento no estado actual”. Ao fío do devandito, engadiu que “o principal axente de destrución é a acción erosiva do mar que desarticulou boa parte dos sillares do peirao”.

Amais, lembrou que o Concello de Ribeira ten en marcha un proxecto para a rehabilitación e posta en valor deste ben, unha iniciativa que contempla intervencións en diversas zonas do peirao, na pavimentación dos camiños e a colocación de paneis informativos. Tamén recordou que o Goberno local atópase tramitando unha concesión coa Demarcación de Costas do Estado para que proceda á súa cesión a mans municipais, ao tempo que a Xunta xa informou o proxecto ao atoparse dentro do catálogo de protección do Plan xeral de ordenación municipal como construción e instalación moderno-contemporánea.

Para rematar, Ana Belén García asegurou que “os técnicos da Xunta está a disposición do Concello para prestar apoio en todas aquelas cuestións que puidera necesitar á hora de realizar os trámites necesarios para proceder á rehabilitación do Porto da Covasa”.