A Dirección Xeral de Xuventude e a Concellería de Xuventude do Concello de Ribeira, organizan entre o 12 e o 23 de agosto o Campo de Voluntariado Ambiental Dunas de Corrubedo. Trátase dunha actividade dirixida a xente nova de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. Hai 12 prazas convocadas.

O campo de voluntariado está situado no Parque Natural de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán. O Concello explica que o LIC (Lugar de Interese Comunitario) abrangue tamén a Illa de Sálvora, que pertence ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
Como actividades do campo de traballo figuran as seguintes:
• Labores de mantemento dos espazos naturais.
• Reconstrución e consolidación de sendeiros.
• Eliminación de especies alóctonas.
• Vixilancia de incendios.
• Labores de información e sensibilización do visitante.
• Intervencións puntuais de mellora do parque en colaboración cos traballadores do servizo de medio ambiente.
A modo de actividades complementarias, se ben están suxeitas a modificacións derivadas do desenvolvemento do campo de traballo, figuran as que citamos deseguido:
• Observación estelar: tendo o parque nacional o certificado Starlight auspiciado pola UNESCO, parte das coñecidas veladas irán referidas á observación de estrelas e ao coñecemento desta práctica.
• Outdoor Training.
• Actividades de educación ambiental: xogos na natureza, orientación, obradoiros, interpretación, xincanas…
• Actividades de animación e convivencia: veladas temáticas, obradoiros, xogos cooperativos, elaboración de vídeos.
• Actividades culturais: rutas culturais e históricas, visita ao centro de interpretación do ecosistema litoral de Galicia, visita á lonxa de Ribeira e á súa poxa.
• Navegación pola Ría de Arousa e visita a Sálvora. Singraduras en lancha rápida pola ría, avistando cetáceos e aves mariñas. Inclúense paradas nas bateas (onde se cultiva o mexillón) para explicar aos participantes o seu funcionamento.
• Actividades deportivas: paddle surf e kayak de mar.
A cota para participar é de 110 euros. Para as persoas posuidoras do carné xove, do título de familia numerosa ou de familia monoparental, o prezo será de 82,50 euros.
Máis información: Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado (981 957 115 / camposdetraballo.xuventude@xunta.gal) e Servizo de Xuventude na Coruña (881 881 238).





