Lousame volveu xuntar forzas para loitar contra a violencia de xénero

21 Maio 2021

Lousame celebrou este venres 21 a oitava sesión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á violencia de xénero. Foi presidida pola concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo Filgueira, dando conta das actuacións previstas polo Concello dirixidas a combater as agresións contra as mulleres e a sensibilizar á poboación, especialmente á xente nova, sobre esta lacra. A reunión celebrouse con todas as medidas de seguridade determinadas polas autoridades sanitarias para a prevención fronte a COVID-19.

Na sesión participaron, ademais da propia concelleira, María Isabel Álvarez García, xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller en A Coruña; Pilar Cobas Cajuso, directora do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro; Avelino Rivadulla Iglesias, garda civil encargado das vítimas de VIOGEN; Natividad Hermo Santos, traballadora social de Lousame; e Mónica Castaño Ourille, técnica da Concellería de Igualdade.

No encontro, todas as persoas integrantes da Mesa informaron e compartiron experiencias sobre as distintas actuacións levadas a cabo pola súa entidade no ámbito municipal de Lousame. Así mesmo, Silvia Agrafojo aproveitou para anunciar que o Concello de Lousame vai levar a cabo, en colaboración co CPI Plurilingüe Cernadas de Castro, a segunda edición do programa Lousame Coeduca, subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade. Este programa de actividades de sensibilización está dirixido a poboación infantil e xuvenil, dende 3 ata 16 anos, para favorecer a coeducación e a promoción da igualdade de oportunidades, que fomenten a desaparición dos roles e estereotipos de xénero, o bo trato, e a mellora da convivencia familiar e escolar. A iniciativa desenvolverase en colaboración coa comunidade educativa; colexio, ANPA e familias.

Co alumnado dende Educación Infantil ata quinto de Primaria realizaranse obradoiros co-educativos sobre estereotipos de xénero, corresponsabilidade familiar, visualización das mulleres da súa contorna e co-educación emocional. Co alumnado de 6º de Primaria e Secundaria desenvolveranse obradoiros onde se traballará a erradicación dos estereotipos e da violencia de xénero mediante o cine, o teatro, o baile e a radio. Tamén se tratará sobre a resolución pacífica dos conflitos.

Lousame Concilia Verán

Durante esta xornada, abordouse igualmente a nova edición do programa Lousame Concilia Verán, que promove a conciliación da vida familiar e laboral durante os meses de xullo e agosto. Trátase dunha iniciativa dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade que se desenvolve entre semana en horario de 09:30 a 14:30 horas. Na sesión sinalouse que en breve daranse a coñecer as datas exactas para a reserva de prazas. O número destas concretarase cando se coñezan as restricións de aforo vixentes durante o período no que se desenvolverá o programa.

Plan Municipal de Igualdade

Nesta sesión, Silvia Agrafojo deu conta das últimas actuacións levadas a cabo dende o seu departamento, do mesmo xeito que cada unha das persoas participantes na mesa realizou unha exposición do traballo xerado en materia de prevención de prevención da violencia de xénero dende a súa entidade na área de Lousame. Así, no último exercicio o Concello colaborou na difusión das distintas campañas contra a violencia de xénero realizadas pola Deputación da Coruña e polo Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, entre outras. Segundo fixo saber a edil, neste ano a maior parte de actividades e campañas tiveron lugar a través das novas tecnoloxías da información e da contorna dixital, “posto que as restricións derivadas da pandemia da COVID-19 limitaron a posibilidade de realizar actos presenciais”.

Asemade, a concelleira de Igualdade destacou dúas actividades realizadas nos últimos meses en contra da violencia de xénero, a Árbore do bo trato e o Entroido en Igualdade. A primeira é unha campaña que consistiu nunha imaxe simbólica dunhas sobreiras da localidade de Seoane, das que brotaron froitos en forma de propostas para a promoción do bo trato. Así, vídeos, a veciñanza enviou fotografías con texto e imaxes cunha reflexión sobre que se pode facer para promover o bo trato e loitar contra a violencia machista.

Pola súa banda, o Entroido en Igualdade foi unha iniciativa dos departamentos de Cultura, Igualdade e Deportes na que participou un amplo número de persoas para festexar o Entroido e conmemorar o Día Internacional da Muller. Constituíuse como un xogo no que os participantes tiñan que disfrazarse e buscar sete paneis con palabras chave sobre igualdade e facerse unha fotografía nese espazo para enviar ao departamento de Igualdade e participar nun sorteo de vales para mercar produtos deportivos.

A mesa acordou fixar o 12 de novembro como data para a vindeira xuntanza ordinaria.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Lisboa, luz cosmopolita”. Alberto Barciela

“Lisboa, luz cosmopolita”. Alberto Barciela

En apariencia, lo único que vemos de la ciudad es lo que la ciudad nos muestra. Lisboa es traslúcida, se da toda en su generosa actitud para quien se predispone a admirarla, para los que abren sus brazos con el fin de abarcar un pequeño pleno universo cosmopolita,...