Intervención do presidente da Xunta no acto conmemorativo do Día das Letras Galegas 2021

Autoridades presentes,
Señoras e señores.

Unha feliz casualidade quere que este Día das Letras se celebre coincidindo co 40 aniversario da Autonomía. A democracia galega, a Galicia democrática, nace hai catro décadas repleta de intencións reformadoras que en moitos casos se cumpriron, e en outros se iniciaron.

Neste días destacamos os logros que trouxo consigo o autogoberno en todo o que atinxe ao benestar material do noso país. Calquera comparación que poidamos facer entre a Galicia dos oitenta e a Galicia dos nosos días, en calquera sector ou actividade, ofrece un balance que permite falar dunha milagre cuxa autoría corresponde ao pobo de Galicia.

Sen embargo esa distancia abrumadora entre o pasado e o presente faise case inconmensurable se pasamos do desenvolvemento material ao que poderiamos chamar desenvolvemento espiritual, para englobar todo aquelo relacionado cos sentimentos máis fondos da nosa xente. Os galegos recuperamos a fe en nós mesmos. A Autonomía permitiu que nos recoñeceramos como un pobo forte, unido e capaz dos grandes retos. Ese espertar tantas veces invocado no himno faise realidade e reflíctese nun país grato que avanza en liberdades, en abrigas e benestar.

Nese rexurdimento a lingua é o gran catalizador. En certa maneira o pobo galego devólvelle ao idioma que nos é propio unha débeda que se remontaba a séculos atrás. O galego foi o facho que permitiu que o noso país se alumeara na escuridade, e camiñara con paso firme no camiño que desemboca no autogoberno. A lingua proclamou que seguíamos existindo.

Malia non contar con parlamentos nin con gobernos de seu, Galicia non esmoreceu grazas a unha cultura diferente que reivindica o noso papel no mundo. Nunha data coma a de hoxe podemos pensar nos galegos que viviron no 17 de maio de 1863 a publicación aquí en Vigo de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Institucionalmente Galicia non existía, pero era unha realidade palpitante con libros que fornecían o seu futuro.

Pois ben; Galicia paga esa débeda situando a recuperación como unha fundamental prioridade. Todos os gobernos que o noso país tivo dende entón renderon tributo a ese principio que atinxe tanto a nosa cultura como á nosa convivencia. Grazas a ese acordo básico, a normalización converteuse en tarefa transversal na que todos os galegos están convidados a participar e seguir participando.

O pobo galego acerta cando decide facer do idioma unha ponte e non un valado, un punto de encontro e non unha disxuntiva. Teño para min que a convivencia estreita entre galegos débelle moito á pertenza a unha cultura común que congrega e non separa. Mantela, impulsala, despregala en todas as súas enerxías é un deber e, na miña opinión, tamén é un dereito.

Señoras e señores, estamos en Vigo, no barrio do Calvario, no instituto Castelao onde estudou, como se ten dito, Xela Arias. Aquí danse cita hoxe tres mulleres que contribuíron moito a ser como somos. Tres traballadoras da palabra. Está Rosalía de Castro, que motiva a festa do 17 de Maio. Está Emilia Pardo Bazán, falecida un 12 de Maio de hai cen anos. E está Xela Arias, poeta, tradutora, editora, mestra e nai.

Rosalía ergue a bandeira do Rexurdimento reivindicando un idioma que semellaba relegado á pobreza.

Emilia proxecta os motivos galegos en obras que teñen un eco literario no mundo enteiro.

Xela aporta continuidade, transición e modernidade da man desa poesía escrita “para ler pausadamente”, en palabras do presidente da Real Academia Galega, Victor Freixanes.

Filla de Valentín Arias, en boa medida continúa o labor do seu pai, mentor do cooperativismo galego, xerente da editorial Galaxia, e autor entre outros dun estudo precursor titulado A lingua galega na escola.

Na propia historia familiar de Xela Arias dáse esa sorte de carreira de relevos entre xeracións que fai que os escritores e pensadores galegos sexan primeiro alumnos e logo mestres.

A nosa escritora representa tamén unha importante transición: a que se dá entre a Galicia rural e a Galicia urbana. Ese tránsito non era doado cando Xela Arias inicia a súa carreira literaria porque o mundo urbano víase como algo alleo á cultura propia do país. Ela loita contra o tópico, o dobrega e axuda de maneira decisiva á que a lingua se mergulle naquel Vigo dos oitenta en plena efervescencia social e cultural.

A autora de Tigres coma cabalos, personifica igualmente a modernidade. “Poeta nas marxes”, afirma dela Manuel Bragado. Innova, rompe moldes, inventa neoloxismos, fuxe de convencionalismos.

Mesmo dende o punto de vista temático atrévese a entrar en terreos pouco explorados entón coma a maternidade, o feminismo ou a crítica social.

Xa no terreo da tradución achega ao galego obras cumios da literatura universal, dende o Dracula ata O Quixote.

Como “urbanizadora” da nosa cultura, como introdutora de novos horizontes, como unha das creadoras da industria editorial do país a través de Edicións Xerais, merece que lle digamos “Grazas mestra”.

Pero ese agradecemento sería cativo se non fora acompañado por accións como o Plan de Dinamización da Lingua na Mocidade, algo tan necesario, e o Proxecto Nós que presentamos hai unha semana, destinado a potenciar o uso da nosa lingua nos distintos dispositivos conversacionais.

En torno á figura de Xela Arias, estamos a promover unha ampla programación en colaboración con editoriais como Xerais, Galaxia, Bolanda, Laiovento, Ir Indo ou Baía; con institucións como a Real Academia Galega, como o Consello da Cultura Galega e a Radio Televisión de Galicia; e con empresas privadas. Programamos así mesmo preto de medio cento de accións en toda Galicia. Refírome a mostras como Xela Arias. Asinamos ser libresTigres coma cabalos Aquela nena de Sarria.

En formatos dixitais ou audiovisuais, o proxecto Vencerse é cousa de se tratar, que fai realidade o desexo de Xela de levar ao escenario a súa derradeira obra.

Tamén a difusión de trinta pílulas audiovisuais arredor da autora, ou un novidoso videomapping que proxecta versos e imaxes de Xela en edificios e emprazamentos significativos do país.

Señoras e señores. Temos a inmensa fortuna de vivir nunha Galicia na que a o idioma une aos galegos e non nos separa de ninguén.

Nin Rosalía de Castro, nin Emilia Pardo Bazán, nin sequera Xela Arias cando iniciou a súa andaina literaria, puideron imaxinar un rexurdimento como o que hoxe experimentamos, e no que quedan moitísimas metas por acadar. Que o que queda por facer non nos impida sentirnos satisfeitos do logrado entre todos.

Grazas a todos. Parabéns á Banda da loba por estes poemas traducidos a cancións, e á Coral Casablanca, a máis laureada de Galicia.

E grazas sobre todo a esa mestra que hoxe aquí en Vigo, vangarda da industria e da cultura, aplaudimos. E, dende aquí, para toda Galicia.