“Bailando no mar con intereses alleos”. Antón Luaces

Moito teño cavilado sobre o por que de determinadas decisións da Comisión Europea en materia pesqueira. Especialmente, cando estas decisións van colidir directamente cos intereses pesqueiros de frotas de Estados membros que, en circunstancias moi concretas, evidencian unha posición pouco activa a prol do seu propio sector. Ou, dito doutro xeito, cando a Comisión non atopa nese Estado unha fronte activa decidida contra as circunstancias que emanan de ordes, normativas ou regulamentos cuxas aplicacións aínda están por avaliar. A Comisión colle novos azos e, o seguinte paso, vai moito máis aló do que semellaba pretender inicialmente.

É o caso do do Regulamento de acceso a especies  de augas profundas que introduciu a prohibición de pescar con arrastre en ecosistemas vulnerábeis nos 800 metros e que, após a avaliación dos seus logros, coida necesario agora prohibilo xa a partires dos 400 metros. Deste xeito, esa Comisión que non pasa polo cuarto de pensar, afondaría aínda máis na súa pretrensión de aplicar restriccións á pesca de arrastre de fondo en augas da Unión Europea que considera “propias” sen ter en conta que os países membros tamén teñen algo que dicir ao respecto.A min, particularmente, segue a chamarme a atención esa fixación da CE en contra da pesca do arrastre pensando máis en cómo evitar que pesquen os bardos desta modalidade de, por exemplo, España, e non citar en absoluto o gravísimo dano que están a ocasionar en augas comunitarias e mais as de países terceiros os mastodónticos superarrastreiros europeos, os que causan os arrastreiros peláxicos mesmo en augas de países que, como España, prohiben este tipo de arte nas súas propias augas pero que executan frotas non españolas en augas deste país. Ou, por que non dicilo tamén, cando en España se prohibe o uso do arrastre con tren de bolos que, sen embargo, usan aquí barcos non españois. E, por sinalalo case que todo, o uso de aparellos que, como cortinas da morte polos seus efectos, continúan sendo utilizados por frotas europeas para as que non hai ningunha chamada  ao orde. 
O máis doado é dictar regulamentos que ataquen directamente á base de frotas especifícas que, sen citalas, ben se saben cáles son. Polo tanto, que é o que promove na Comisión Europea esa especial xenreira contra un arrastre que, non sendo inocuo para as poboacións de determinadas especies de peixes, tampouco son tan absolutamente devastadoras como as cortinass da morte, o tren de bolos, os peláxicos ou os inmensos aparellos empregados por superarrastreiros contra os que a devadita Comisión semella non ter nada que dicir.Canto hai ou pode haber de colaboración da CE con organizacións medioambientalistas  ás que lles fai un dano explosivo o simple feito de nomear o arrastre?. Canto máis prexuizo causa o arrastre que outras artes autorizadas por países aos que a Comisión semella ignorar ex profeso porque, de non facelo así, tería que entrar “de oficio” nas sancións e prohibicións?.Acaso é lexítima esa conexión UE-ecoloxismo cando este funciona na Unión como un verdeiro lobby que sirve interesadamente a países para o medioambientalismo máis afíns polo que sexa?. 
Talvez sexa hora de falar alto e claro e demostrar -hai tantas cousas que ensinar á Comisión!- á UE que non sempre as unións extraoficiais como as que existen, para min sen dúbida, nestes casos de flagrantes afinidades van seguir sendo practicados a costa de que paguen uns para que outros pervivan. Se o arrastre é malo, pernicioso, tan sumamente prexudicial, que dicir dese outro tipo de circunstancia que a Comisión silenza e que permite arrasar os fondos mariños?. Ou é que a Comisión Europea e os seus adláteres ecoloxistas non teñen nada que obxectar ás redes de deriva, ao tren de bolos, etc.?. O mar ensina moito. E xa non se poden calar determinados actos de ataque intencionado contra aqueles que calan porque carecen de altoparlantes que expliquen de vez que non todo é tan malo como uns insinúan e outros tiran proveito ás caladiñas.