As confrarías galegas volven este venres a mobilizarse contra o regulamento europeo ante a “falta de diálogo de UE”

As concentracións terán lugar na maioría de portos de Galicia e unirán a marisqueo e pesca artesanal

A Federación Galega de Confrarías de Pescadores volverá mobilizarse en practicamente todos os portos este venres para mostrar a súa oposición frontal ao novo regulamento de control europeo que afectará o marisqueo e á pesca artesanal, e denunciou a “falta de diálogo” da UE coas confrarías.

Nunha rolda de prensa celebrada este xoves, o presidente da Federación, José Antonio Sieira (que estivo acompañado por representantes das federacións provinciais de Pontevedra, A Coruña e, telemáticamente, Lugo) mostrou o seu “rexeitamento á nova normativa sobre xeolocalización, instalación de cámaras, remisión de datos desde as embarcacións para a frota de entre 4 e 12 metros e remisión de datos da mariscadora do montón”.

Así, trasladou “a preocupación dos sectores do marisqueo e da pesca artesanal” #ante as posibles consecuencias que a normativa teña cos traballadores do mar en Galicia. “Sentimos que os parlamentarios europeos non foron capaces de coñecer a verdadeira pesca artesanal da nosa comunidade autónoma”, lamentou Sieira, e confirmou que o sector volverá mobilizarse este venres, ás 12,00 horas.

O presidente da Federación Provincial da Coruña, Daniel Formoso, avanzou que haberá concentracións no Barqueiro, Cedeira, Ferrol, A Coruña, Pontedeume, Sada, Malpica, Corme, Camariñas, Laxe, Muxía, Fisterra, Lira, Muros, Noia, Porto do Son ou Portosín, entre outras.

No caso de Lugo, o presidente da Federación Provincial, Basilio Otero, quen comunicou que haberá paros nos principais portos da provincia, Burela e Viveiro, así como concentracións de confrarías dos municipios de Ribadeo, Foz ou San Cibrao.

Finalmente, o presidente da Federación Provincial de Pontevedra, Manuel Rosas, explicou que as confrarías da Guarda, Baiona, Vigo, Redondela, Arcade, Vilaboa, Moaña, Cangas, Bueu, Raxó, Sansenxo, Portonovo, O Grove, Cambados, Vilanova, Illa de Arousa, Vilaxoán e Carril sumaranse ás concentracións, ‘paróns’ e ‘pitadas’ en terra e mar.

Tanto a Federación Galega como as Federacións Provinciais denunciaron “a absoluta falta de diálogo que a Unión Europea tivo coas confrarías”, o que levou ao Parlamento Europeo a desenvolver unha normativa que non pon en valor a forma de traballar dos pescadores galegos.