
O Consello da Xunta, tal e como avanzara a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, aprobou hoxe o primeiro Plan reitor de usos e xestión (PRUX) do Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, que regulará as actividades e a conservación deste espazo e que xa prevé un investimento de 6,5 millóns de euros durante a vindeira década.
Deste xeito, Corrubedo convértese no quinto parque natural galego que conta cun plan de xestión, seguindo a estela iniciada polo Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (2018), Serra da Enciña da Lastra (2019), O Invernadeiro (2019) e Monte Aloia (2020).
Os valores fundamentais desta ferramenta de uso e conservación, ademais da súa vixencia, son o reaxuste das unidades de zonificación, coa que avanzar tamén na unidade de referencia que se toma como referencia en toda a rede de parques naturais de Galicia; a inclusión dun programa de actuacións, baseado en catro ámbitos, con medidas e iniciativas; e un plan de emerxencias -o primeiro para este parque natural- para optimizar a utilidade de todos os recursos técnicos e humanos dispoñibles, para controlar de forma máis rápida a evolución dunha emerxencia e minimizar as consecuencias.
Con esta ferramenta, actualizarase a normativa que regula na actualidade, un Plan de ordenación de recursos naturais, e dáse cumprimento á Lei de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, que recolle que os parques e reservas naturais deberán regularse cun plan reitor e fixar medidas de xestión necesarias para compatibilizalos coa conservación
destes espazos.
No caso de Corrubedo, o PRUX establece para as súas case 1.000 hectáreas tres zonificacións distintas, reservando unha superficie de preto dun 6% para uso xeral. O obxectivo é conservar a diversidade xeolóxica e biolóxica nos seus diferentes compoñentes (hábitats e especies), as paisaxes, así como aquelas compoñentes que contribúan á conservación e ao mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais da dinámica deste espazo.
Tres ámbitos de usos e conservación
Coa finalidade de facilitar a interpretación de xeito rápido e intuitivo, a zonificación proposta para este parque natural diferenza entre: Zona I de uso limitado (565,43 hectáreas). Está constituída por aquelas áreas que requiren dunha maior protección. Na mesma diferéncianse: unha área litoral, que inclúe a gran duna móbil e os outros hábitats dunares e costeiros, agás a praia; e unha área de lagoas e marismas, onde destacan as lagoas de Carregal e Vixán e os hábitats higrófilos que as envolven e as prolongacións dos mesmos na transición cara as áreas de cultivos.
Isto implica que o uso público queda restrinxido ás áreas designadas para paso, observación e fotografía e educación ambiental, e tamén serán autorizables os aproveitamentos dos recursos mariños e as labores tradicionais. Non obstante, quedan prohibidas as instalacións, construcións e obras non indispensables para a xestión do
parque, o tránsito de animais domésticos (agás os cans de guía e rescate) ou a navegación recreativa, surf e variantes.
Zona II de uso compatible (374 hectáreas. Inclúe as praias comprendidas entre o núcleo urbano de Corrubedo e punta Corbeiro, e as áreas de paisaxe agraria tradicional e cultivos forestais, nas que se localizan hábitats prioritarios ou de interese comunitario, ou hábitats de especies de interese para a conservación.
As prohibicións que se estipulan nesta zona son a construción de edificios ou ampliación dos existentes; a plantación de especies forestais alóctonas e as talas a matarrasa de frondosas autóctonas; actividades deportivas, como windsurf, kitesurf e similares, polo que as probas e competicións deberán ser autorizadas polo parque; o emprego de
maquinaria; e os acceso de animais -agás nos casos previstos na Zona I-.
Pola contra, estarán permitidas as actuacións de mantemento das construcións existentes nos núcleos rurais, os usos agrarios de carácter tradicional e o aproveitamento de recursos mariños.
Zona III de uso xeral (56,82 hectáreas). Integrada polos terreos desnaturalizados pola actividade humana ou nos que se xera unha actividade antrópica elevada, como parcelas de uso residencial, equipamentos e infraestruturas de uso público, que se sitúan no límite interior do Parque.
Neste caso, naquelas zonas con clasificación de núcleo rural, as actuacións urbanísticas e de dotación de servizos estarán sometidas ás ordenanzas municipais, permitiranse os usos agrarios tradicionais e as tarefas de xestión de biomasa nas faixas primarias e secundarias.
En definitiva, o PRUX de Corrubedo analiza e sintetiza toda a normativa existente neste espazo físico para concentrala nun único documento, e clarifica todas as actuacións posibles e usos permitidos e autorizables para todos os axentes implicados no espazo natural, así como as prohibicións.
Singularidade do parque
O sistema dunar de Corrubedo é sen dúbida o símbolo identificativo deste parque natural, único en toda a xeografía e coa maior duna móbil de Galicia. Non obstante é o lugar de acubillo dun representación moi rica e variada tanto de flora coma de fauna.
Destaca a vexetación das praias e dos sistemas dunares, que albergan unhas 200 especies de fanerógamas (plantas con semilla), algunhas incluídas nos catálogos de plantas endémicas, raras ou ameazadas a nivel galego e outras cun valor florístico ou bioxeográfico singular.
Tamén é salientable a presenza de réptiles e anfíbios, como o sapo de esporóns (Pelobates cultripes) e a abundancia de endemismos ibéricos: a saramaganta (Chioglossa lusitanica), o lagarto das silvas (Lacerta schreiberi) e a lagarta galega (Podarcis bocagei), así como o sapoconcho europeo (Emys orbicularis).
Así mesmo, Corrubedo é unha área de importancia para as aves, non só durante as migracións, senón tamén como zona de reprodución e invernada, pois acolle regularmente especies infrecuentes ou de distribución moi localizada. Destacan as poboacións nidificantes, en areais e dunas, de dúas especies de limícolas (que viven no limbo ou no
lodo) ameazadas en Galicia, como o alcaraván común (Burhinus oedicnemus) que ten aquí un dos seus poucos puntos de cría e o único situado actualmente na costa, e a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus).
No caso dos mamíferos, inventariáronse dúas especies de morcegos ameazadas: o morcego de ferradura grande (Rhinolophus ferrumequinum) e o morcego de ferradura pequeno (Rhinolophus hipposideros); e son frecuentes o raposo (Vulpes lutra), o teixo (Meles meles), o ourizo (Erinaceus europaeus), o esquío (Sciurus vulgaris) e o xabaril (Sus
scrofa); así como a lontra (Lutra lutra), que mantén unha presenza común tanto na costa como nas lagoas.
Outro dos valores do Parque son as súas paisaxes, nas que se distinguen tres zonas diferenciadas: a paisaxe litoral, conformada polas praias, dunas, estuarios, marismas e lagoas, que acadan un gran desenvolvemento; a paisaxe agraria, sobre todo na parte interior do territorio, onde predominan os elementos propios, como as pequenas parcelas separadas por muros de pedra e sebes vexetais; e a paisaxe antropizada, presente na periferia e na que, partindo de núcleos rurais tradicionais, foron aparecendo asentamentos máis recentes e de carácter lineal, ligados á disposición das estradas, e que representan o proceso de transformación paisaxística máis importante do ámbito.
Catro eidos de actuación
O Plan reitor de usos e xestión tamén establece un programa de actuacións a desenvolver nos próximos dez anos para coñecer, manter e mellorar os valores naturais e os compoñentes ecolóxicos valiosos do parque natural.
Entre as accións a desenvolver destacan a conservación da biodiversidade, patrimonio cultural e paisaxe; estudos, seguimento e avaliación de fauna, flora, hábitats e outros; accións informativas, de divulgación e sinalización e de educación ambiental; e, por último, conservación e mellora da rede viaria e das instalacións, co mantemento de infraestruturas, vehículos e maquinaria.
Por último, cómpre salientar que para a elaboración do documento definitivo deste Plan, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural aceptou total ou parcialmente un 92% das achegas recibidas.
En definitiva, a aprobación do PRUX de Corrubedo enmárcase no proceso de actualización normativa que está a impulsar a Xunta en todos os parques naturais de Galicia, ao que se prevé que proximamente se sumen coa mesma ferramenta os dous que restan: Baixa Limia- Serra do Xurés —este ano— e Fragas do Eume —en 2022—.





