A partir do 21 de maio ampliada “a toda Galicia” a gratuidade do transporte público para os menores de 21 anos

A Xunta estende a gratuidade no transporte público aos menores de 21 anos de toda Galicia desde o vindeiro 21 de maio, coa utilización da tarxeta ‘Xente Nova’.

Este dispositivo, que ata o momento podía empregarse nas áreas de transporte metropolitano, na provincia de Ourense e en 13 concellos da área de Pontevedra, expandirase a toda a comunidade a partir do venres da próxima semana, permitindo que todos os menores de 21 anos viaxen de balde no autobús da Xunta, ademais de no barco no caso da ría de Vigo e no ferrocarril de vía estreita na área de Ferrol.

Esta tarxeta pode adquirirse en calquera das 213 oficinas de Abanca habilitadas nas catro provincias. Para empezar a empregala cómpre cargar a tarxeta cun saldo inicial co que se aboarán as viaxes e posteriormente será reintegrado no dispositivo.

Na páxina web www.bus.gal pode ampliarse a información relativa a este dispositivo e as vantaxes que leva asociadas, así como o listado de todas as sucursais habilitadas para a súa expedición e os servizos de transporte existentes en cada concello, cos correspondentes horarios e rutas.

Na actualidade, máis de 80.000 mozos menores de 21 anos xa viaxan de balde nos autobuses interurbanos da Xunta a través do emprego desta tarxeta.

A área da Coruña alberga o maior número de dispositivos expedidos, contabilizándose case 22.850; seguida da de Vigo, con case 17.225 tarxetas distribuídas; e Santiago, con preto de 12.150. Na área de Ferrol, máis de 9.600 rapaces dispoñen desta tarxeta; na de Pontevedra, máis de 5.200; e na de Ourense, máis de 2.700.

A tarxeta permite realizar cada mes ata 60 viaxes interurbanas gratuítas. A súa recarga pode efectuarse nos caixeiros de Abanca ou nas oficinas habilitadas para expedila e tamén de xeito telemático mediante a banca móbil ou electrónica da citada entidade.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a traballar actualmente para que os usuarios poidan levar esta tarxeta directamente no móbil e facer as recargas sen necesidade dun caixeiro.

Iniciativa social

A tarxeta ‘Xente Nova’ é unha iniciativa social de fomento do transporte público que a Xunta puxo en marcha no ano 2016 nas áreas de transporte metropolitano para permitir a gratuidade no transporte público a menores de 19 anos.

Posteriormente, ampliouse a cobertura ata os menores de 21 anos e desde xuño do ano pasado, o Executivo autonómico activou este incentivo na provincia de Ourense e en 13 concellos da área de Pontevedra.

Esta iniciativa do Goberno galego, enmarcada no Plan de Transporte Público de Galicia, ten como obxectivos contribuír á economía das familias e facilitar o acceso dos mozos a servizos básicos como a educación, especialmente a non obrigatoria, ao tempo que se fomenta o uso do transporte público e, polo tanto, unha mobilidade máis sustentable e limpa entre os máis novos.