A II Exposición de Fotografía do Club de Xubilados de Lousame poderá visitarse todos os domingos polas tardes en Aldeagrande

17 Maio 2021

O local do Club de Xubilados de Lousame, en Aldeagrande, acolle dende hoxe a II Exposición Etnográfica de Fotografía do Club de Xubilados de Lousame. Un proxecto organizado pola asociación de maiores do municipio en colaboración co Concello de Lousame, Xacobeo 2021, a Deputación da Coruña e a Fegamp.


A mostra está composta por un total 99 fotografías antigas, de entre os anos 30 e 60 do século pasado, das 115 imaxes que foron achegadas por unha vintena de maiores do municipio (as 16 restantes quedaron fora debido ao seu mal estado de conservación). A temática das instantáneas é moi variada: dende imaxes clásicas na escola ou en vodas, ata varias imaxes de veciños de Lousame facendo o Servizo Militar ou en calquera das festas das distintas parroquias. Retratos e fotos de marisqueo xúntanse coas dos primeiros vehículos aparecidos no municipio e, incluso, as primeiras actuacións de Prudencio Romo coa orquestra Brasil.
O presidente do Club de Xubilados de Lousame, Francisco Avelino García Nieto, encargado de inaugurar a mostra, explica que “dado o éxito da exposición do ano 2020 nos vimos obrigados a facer outra para dar cabida a todas as fotografías que nos fixeron chegar os socios e socias da nosa entidade”. “Como anécdota, quero recordar a visita no verán duns galegos que viven en Barcelona. Resulta que viron a través das redes sociais a foto dun familiar e viñeron ata Lousame a ver e pedir a fotografía”, sinala.
García Nieto salienta que “detrás desta exposición hai moito traballo de recollida, escaneo, arranxo dixital, impresión, colocación… pola que agradecemos a colaboración do persoal dos departamentos de Cultura e Voluntariado do Concello xa que, sobre todo, detrás desta exposición está a ilusión de moitas persoas”. Neste sentido, indica que “na anterior mostra superamos con moito as expectativas de público. E con esta confiamos en repetir”.
Horario de visita
Para evitar aglomeracións, sobre todo nestes tempos de pandemia sanitaria, a exposición quedará de forma permanente no local do Club de Xubilados en Aldeagrande e poderá visitarse todos os domingos, en horario de 17:00 a 20:00 horas. A exposición recolle fotografías cedidas por: Josefa Lorenzo López, Antonio Romero García, Francisco González Santos, María Cristina Rey Castro, José Manuel Pérez Gómez, Carmen Gómez Romero, María Isabel Figueira Romero, Dolores González Castro, Ángeles Ronquete Romero, José Antonio Ces Barreiro, José Manuel Outeiral Castro, Francisco Avelino García Nieto, Filomena Filgueira Fernández, María Rosa Pilar Freire Carou, “Teresuca”, María Soledad
Souto Lamas, José Lojo Queiro, María Luisa Pazos Suárez e Pilar Lobagueira Villar.
Pero a actividade non se detén con esta mostra, os maiores de Lousame xa teñen no horizonte un novo proxecto no que comezarán a traballar a finais deste verán. Trátase dunha iniciativa audiovisual, que se denominará “Testemuños”, que servirá para dar continuidade a estas dúas exposicións fotográficas e nas que se recollerá en vídeo as vidas dos maiores de Lousame.

Outros artigos

Noia incorpora un novo axente da Policía Local

O pasado venres, o alcalde de Noia, Fran Pérez, participou na sinatura do contrato dun novo axente que se incorpora ao corpo da Policía Local, un axente que xa ten un amplo coñecemento da vila e da súa contorna tras realizar no municipio noiés o seu período de...

+

Noia Limpa recolleu 70 quilogramos de lixo na praia de Testal

Na mañá deste sábado 17 de outubro a asociación Noia Limpa levou a cabo unha nova xornada de limpeza da praia de Testal, no marco da XV Limpeza Simultánea de Praias promovida por ADEGA. Grazas ao traballo das persoas voluntarias, conseguíronse retirar un total de 70...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Eu tamén quixen bailar coma Javi” – Fernando Sarasketa

“Eu tamén quixen bailar coma Javi” – Fernando Sarasketa

Foto de Javi Bermúdez na Sala Real Acababa de chover e Javi empuxoume con firmesa coas dúas mans para poñerme debaixo dunha pingueira. Unha pinga conxelada caeu serteira no meu lombo pasando áxil a rentes da caluga e da camiseta, sen tocalas. “Agora xa sabes o que se...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.