A concelleira ribeirense, Ana Ruiz, dimite do seu cargo tras deixar o seu fillo un local para unha festa na que se identificaron 24 mozos

Este 18 de maio formalizouse a dimisión da concelleira de Servizos Sociais en Ribeira, Ana Ruíz, pola súa relación co local hostaleiro onde foi denunciada, a pasada ponte festiva, unha festa ilegal de xente nova na zona de Bandourrío. A edil compareceu arroupada polos seus compañeiros de Goberno, no salón de plenos, onde sinalou, moi emocionada, que deixa a súa acta “por responsabilidade política”, pois “aínda que nunca pensei que o que ía ser unha pequena festa de aniversario de catro rapaces se convertera no que se converteu, a imaxe dada non se corresponde coa que debe transmitir un cargo público”.

Moi afectada polo acontecido, e tamén pola información incompleta que transmitiron algúns medios e os partidos da oposición sobre o que realmente ocorreu no local de ocio nocturno, Ruiz Reiriz, expresou as súas desculpas ás nais e pais dos rapaces e aos profesionais do sector hostaleiro: “Nunca foi a miña intención causarlles ningún prexuízo e vou arrepentirme o resto da miña vida”. Tamén quixo agradecer os mensaxes e chamadas de ánimo e apoio recibidas, tanto dos seus veciños como do alcalde e compañeiros de goberno.

“Hoxe é un dos días máis difíciles da miña vida —explicou— e non mo puxeron fácil os membros doutros partidos que sen coñecer a verdade dos feitos non se puxeron en contacto comigo para intentar saber a miña versión”. Porén, recoñeceu marchar “sen rencor” e “coa ilusión de todo o traballo feito en Servizos Sociais, no Centro de Información á Muller e na Unidade de Drogodependencias, tres departamentos exemplares que me sinto orgullosa de ter dirixido, con logros como o aumento das horas de atención a dependentes, o impulso do Terceiro Plan de Igualdade, a posta a disposición dun espazo para o próximo Punto de Encontro Familiar de Barbanza ou a protección das persoas máis vulnerables da sociedade”.

Por último, agradeceu ao pobo de Aguiño o apoio recibido estes días: “Seguirei sendo a veciña que fun sempre, seguirei estando aí para o que faga falta”.

O alcalde Manuel Ruiz manifestou de seguido o seu convencemento de que a xornada deste 18 de maio foi “un dos días máis duros que ten vivido en política”, e engadiu, referíndose á súa compañeira: “Creo que o pago que estás a facer é un pago ben alto polo erro que cometestes”, declarou o rexedor, quen engadiu que “é moi difícil ver en política un acto como que agora está protagonizando Ana”.

“Vaste de aquí coa cabeza alta e despois de realizar un gran traballo”, dixo o rexedor municipal, quen sentenciou: “Podes estar seguro de que para nós es e vas seguir sendo familia”.202

20210518 Audio intervención da Concelleira e do Alcalde