Os obradoiros de Enreguéifate 2021 chegan ao seu remate este xoves no CEP Brea Segade

Este xoves 22 de abril ás 12.30 horas celebrarase no CEP Brea Segade de Taragoña o último dos obradoiros escolares de regueifa impartidos por Lupe Blanco e Josinho da Teixeira no Concello de Rianxo. Estes talleres forman parte do certame Enreguéifate 2021, un programa de dinamización lingüística impulsado por cinco Concellos galegos: Santiago de Compostela, Ames, Teo, Pontevedra e Rianxo.

O seu obxectivo foi achegar os recursos precisos para que as novas xeracións se reencontren cunha das fórmulas creativo-comunicativas máis antigas, tradicionais e singulares da nosa terra: a regueifa. Por iso, inclúe accións formativas para alumnado e profesorado, un certame regueifeiro e un encontro anual de improvisación oral galega.

Os Concellos devanditos explican que “a regueifa amosouse nos últimos anos como unha ferramenta idónea para fomentar o uso do galego entre a mocidade, debido á semellanza que este canto improvisado ten con outros formatos prestixiados socialmente nesas idades: rap, batalla de galos…”. As entidades organizadoras salientan tamén o potencial desta tradición oral para impulsar e enriquecer o audiovisual galego.

O obradoiro rianxeiro

O obradoiro do CEP Brea Segade vai dirixido ao alumnado de quinto e sexto de Primaria, que participará no certame posterior cun vídeo no que haberá unha regueifa colectiva entre os centros de ensino de Rianxo, onde xa se impartiron previamente algúns obradoiros. Ao acto de certame acudirán a concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Adelina Ces, e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños.