O Son pon a punto as pasarelas de Xuño e San Pedro e máis a contorna de Ribasieira

Proseguen este mes de abril os traballos impulsados polo Concello de Porto do Son para mellorar equipamentos, infraestruturas, servizos e espazos de importancia medioambiental e paisaxística.

Entre os labores executados de meirande importancia, sobre todo de cara a vindeira tempada de verán, figura a posta a punto e limpeza das pasarelas de madeira que percorren as contornas lacustres e costeiras de Xuño e máis de San Pedro de Muro.

Por outra banda, o Concello tamén informou do inicio dos traballos para mellorar a céntrica rúa de San Andrés, en Portosín.

Outra das iniciativas levadas a cabo puxo o foco na Fervenza de Ribasieira, un dos grandes tesouros ambientais e paisaxísticos do concello, onde o equipo de traballo do obradoiro de emprego Tahume VI, co-impulsado polos Concellos de Porto do Sin e Ribeira, levou a cabo tarefas de limpeza e recuperación da contorna.