González Formoso compromete o apoio da Deputación ao Concello de Ribeira para mellorar a seguridade vial no municipio

O presidente provincial anuncia en Ribeira un fondo complementario de 25 millóns de euros para o Plan Único que se aprobará este mes en pleno.

O alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, destaca o importante papel da Deputación ao longo da crise sanitaria con importantes programas de apoio económico e social aos concellos coma o PEL-Reactiva e o Plan Único.

Valentín González Formoso comprometeu apoio provincial ao Concello de Ribeira para “traballar conxuntamente na mellora da seguridade viaria no municipio”. Así llo trasladou ao alcalde da localidade, Manuel Ruíz Rivas, nunha visita institucional realizada esta mañá ao concello acompañado polos deputados provinciais José Manuel Pequeño e Sandra González.  

No encontro, González Formoso comprometeu a colaboración da Deputación  para realizar melloras e incrementar a seguridade viaria en diversas estradas do municipio. Dentro destas inclúese a ampliación dunha vía provincial en Carreira que conta cunha curva de 90º pola que discorren vehículos pesados e na que apenas hai espazo para que se crucen dous vehículos de gran envergadura, non sendo a primeira vez que dous camións de gran porte quedan atrapados.

“O Concello comprou unha vivenda na zona para poder actuar na mellora desa curva, mellorando o seu trazado”, sinalou o alcalde do municipio, Manuel Ruíz Rivas.

González Formoso garantiu o apoio do servizo de Vías e Obras da Deputación para eliminar este punto negro na plataforma e permitir un tráfico rodado que non ocasione trastornos como os mencionados polo rexedor, facilitando o paso de todo tipo de vehículos e pensando especialmente nos pesados, debido á proximidade dunha importante conserveira na zona.

González Formoso tamén respondeu á demanda de Ruíz Rivas de ampliar, cando sexa necesario, os 2 quilómetros da estrada que vai cara o futuro polígono para que poida soportar o tráfico que se xerará na zona e ofrecer un servizo axeitado. A configuración de infraestruturas que axuden “ao desenvolvemento do chan industrial nun concello como este que, un dos tractores económicos da provincia, é vital. Temos que coidar o desenvolvemento industrial da nosa provincia, que é o motor económico de Galicia”, indicou González Formoso.

Outra das cuestións que ambos dirixentes trataron foi a situación na que se atopa o novo auditorio que se vai construír no municipio. Un proxecto para o que a Deputación xa ofreceu tamén o seu apoio económico co obxectivo de impulsar a configuración deste novo e importante espazo cultural e de reunión para a veciñanza.

Á súa vez, González Formoso visitou acompañado do alcalde as estradas DP-7305 de Ribeira a Aguiño por Carreira e DP-7307 de Ribeira a Aguiño por Castiñeiras, nas que o goberno municipal solicita a instalación de semáforos, pasos elevados ou outros elementos para a redución da siniestralidade nalgúns puntos da vía nos que os vehículos tenden a circular a unha velocidade moi superior á permitida. O presidente indicou que os técnicos provinciais analizarán a vía para intentar garantir a máxima seguridade.

25 millóns de euros máis para o Plan Único, que chega a 90 millóns

Valentín González Formoso aproveitou o acto para anunciar que o próximo pleno provincial aprobará o POS Adicional 2021 para complementar os 64,6 millóns do Plan Único, que contará con 25 millóns de euros. “É unha importante axuda que vai facer que o Plan Único deste ano volva rondar os 90 millóns de euros. O noso obxectivo é poder achegalo aos 100 millóns cun segundo POS Adicional”, sinalou.

Ruíz Rivas definiu a Deputación “como exemplo de coordinación cos concellos, unha administración que deu a cara durante a pandemia e que permitiu que os concellos puideran sumarse a axudas” como o PEL-Reactiva, dirixido a apoiar a persoas autónomas, pequenas empresas ou microempresas ante a crise, ou o Plan Único de Concellos, que este ano dedicou 14 millóns a gasto social para reforzar os programas municipais. No caso de Ribeira, as axudas foron de preto de 600.000 euros.

Pavimentación na rúa Romero Ortiz con cargo ao Plan Único

Na súa visita, González Formoso visitou tamén a rúa Romero Ortiz, onde se levará a cabo un importante proxecto de renovación da pavimentación e a unificación de beirarrúas e estrada nunha mesma plataforma. A iniciativa enmárcanse dentro do Plan Único do ente provincial e conta cun orzamento de 164.161,24 euros.

Na actualidade, o firme da estrada e das beirarrúas deste espazo no casco urbano atópanse en mal estado. Co obxectivo de incrementar a seguridade viaria no lugar e de facer a rúa accesible a todas as persoas, crearase unha plataforma única para tráfico rodado e peonil con zonas claramente delimitadas.

As actuacións permitirán anchear a vía, facendo especial fincapé na zona dedicada ao paso de peóns e peoas. Así pois, substituirase o aglomerado da estrada por pavimento de formigón semipulido e renovarase o pavimento da beirarrúa actual con lousas de granito silvestre. A separación entre o espazo para vehículos e o dedicado ás persoas farase con bordos de granito.

Tamén se levarán a cabo tarefas de adecuación dos servizos afectados á cota do novo pavimento, renovación das acometidas de pluviais e pintado de pasos de peóns. Os traballos contan cun prazo de execución de 5 meses.

Visita á Confraría de Pescadores de Ribeira

O presidente provincial mantivo tamén un encontro co patrón maior da Confraría de Pescadores de Ribeira e presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez Sieira, na que trataron á polémica derivada do reglamento de control pesqueiro que pretende impor a Comisión Europea.

Os pescadores trasladaron as súas queixas sobre o tema, que  supón un  elevado investimento que algunhas pequenas embarcacións non poden asumir e que lles obriga a levar diarios electrónicos, cámaras de vixiancia e GPS a bordo co obxectivo de controlar todas as capturas e descartes dos barcos.