
Esta semana comezaron en Ribeira as obras da segunda fase da renovación do pavimentado da rúa Manzanares, situada no barrio de Bandourrío. Os traballos están a ser levados a cabo pola brigada municipal de Obras do Concello e inclúen, por unha banda, o acondicionamento dunha área de 400 metros cadrados situada no entorno da praza de Pontevedra e, por outra, a extensión dun novo pavimento ao longo de 85 metros lineais da rúa Manzanares.
Esta última actuación inclúe a substitución das lousas de granito da capa de rodaxe por “un firme máis resistente de formigón pulido” intercalado con franxas de granito “en sintonía co que se está a facer noutras partes da cidade”, informou o Concello.

Dáse continuidade así a primeira fase emprendida o ano pasado na que se renovou o firme no tramo da rúa Manzanares comprendido entre as prazas de Compostela e Pontevedra.
Tamén nesta contorna cómpre informar de que a semana pasada acondicionouse a escaleira que une a rúa Manzanares coa rúa Perú.