Amicos lanza unha recollida de sinaturas para pedir que se priorice a vacinación de colectivos vulnerábeis

A Asociación Amicos presentou este 23 de abril os detalles dunha campaña destinada a recoller sinaturas para priorizar a vacinación entre as persoas con diversidades cognitivas e funcionais e persoas en situación de dependencia e grandes necesidades de apoio. A iniciativa tamén sitúa como prioritarios ás persoas que son as coidadoras principais dos ditos colectivos. “Solicitamos á cidadanía que se una á nosa proclama para pedir ás autoridades sanitarias do Estado e da comunidade de Galicia que aceleren o ritmo de inmunización das persoas máis vulnerábeis”, fixeron saber os integrantes da asociación. Os apoios serán presentados ante Carolina Darias, ministra de Sanidade.

Segundo explicaron os responsábeis da entidade social con sedes en Boiro en Ribeira, esta está formada por máis de 600 integrantes e traballadores, e só conta cun 20% de vacinados, que foron inmunizados entre xaneiro e febreiro: “A gran maioría aínda non recibiron a vacina, polo que seguen en situación de risco e vulnerabilidade”, sinalaron, poñendo o foco na necesidade de recibir a protección anti-COVID de xeito integral nos diferentes servizos que forman parte de Amicos: o Fogar de Amicos en Boiro (cuxos residentes xa recibiron a vacina) e máis o centro de día e ocupacional. “Só deste xeito poderíamos volver realizar actividades conxuntas”, informou Javier Freijo, usuario do centro de atención diúrna de Amicos, quen lembrou que nestas dependencias seguen estando en aulas burbullas e non se poden relacionar cos compañeiros do fogar residencial, que si están vacinados pola súa condición de estar internos. “Queremos que vacinen a todas as persoas que necesitan apoios, aos seus familiares e coidadores. Se me puxeran a vacina podería facer vida máis normal, sen medos e estar en contacto con máis xente”, recalcou Javier.

Pola súa banda, Alfonso Fernández Rey, pai dunha usuaria do centro diúrno de Amicos, lembrou que a súa filla leva un ano sen asistir: “A nosa nena leva un ano sin vir ao centro por culpa de non estar vacinada, ela é de risco e nós, como pais, tamén”. Alfonso engadiu que “non comprende como si recibiron as vacinas as persoas internas e non as que están nas súas casas, que teñen a mesma vulnerabilidade”.

A petición de Amicos está dispoñíbel na web da asociación.