Adxudicadas as obras da nova glorieta en Xuño

O Concello de Porto do Son disporá dunha nova glorieta na estrada AC- 550, a altura de Xuño. A Xunta anunciou que as obras contarán cun presuposto de 253.000 euros. Os traballos, adxudicados á empresa Nemesio Ordóñez S.A, comezarán no mes de maio e desenvolveranse en tres meses como máximo. Así, a rotonda terá un diámetro de 28 metros cadrados e o obxectivo de mellorar a seguridade no lugar do Cruceiro.

A nova glorieta conectará a igrexa coa viaria que leva ao colexio, ao centro de saúde e á praia das Furnas e contará con 4 vías de 3,50 metros por carril, a excepción do vial que permite o acceso á praia que terá 2,50 metros.

Doutra banda, construiranse muros de contención e reporase a sinalización que sexa necesaria. Ademais, revisaranse todos os servizos de electricidade, abastecemento, pluviais, fecais e alumeado que se vexan afectados polas obras, e habilitarase un paso de peóns, de 35 metros, co fin de incrementar a seguridade peonil.