A Xunta destina 350.000 euros a axudas para a promoción do uso do galego por parte dos Concellos

A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova convocatoria de axudas para a promoción do uso do galego desde o ámbito local que supón un incremento do 40 % no seu plan.

Segundo explica a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a iniciativa conta cun orzamento total de 350.000 euros, 100.000 € máis que o ano pasado, destinados aos Concellos, co fin de sufragar os gastos derivados da creación, do reforzamento dos servizos lingüísticos, así como das programacións municipais de dinamización lingüística. A convocatoria deste ano marca como ámbitos estratéxicos de actuación o deporte, a mocidade, as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), os servizos sociais e a igualdade.

As axudas enmárcanse nas accións de promoción do galego desde o ámbito local que desenvolve a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, entre as que destacan a Rede de Dinamización Lingüística (RDL), que integra máis de 200 entidades. A convocatoria está aberta dende mañá mesmo ata o vindeiro 10 de maio, e poderán solicitar as subvención a través da sede electrónica da Administración autonómica.