A USC rende tributo ao “sabio egrexio” Ricardo Carvalho Calero

15 Abril 2021

O acto institucional do Día das Letras Galegas 2020 que non puido celebrarse con anterioridade por mor da pandemia, serviu este xoves para presentar o volume co que a institución compostelá homenaxea o seu primeiro titular da Cátedra de Lingüística e Literatura Galega

O reitor Antonio López salientou o “compromiso co país, coa cultura e coa súa lingua” de Carvalho Calero. FOTO: Santi Alvite

Creador literario, crítico e historiador da literatura, gramático e lingüista; mais tamén planificador da lingua, sempre preocupado pola estandarización do galego; estas son algunhas das facianas do “traballador infatigable” Ricardo Carvalho Calero. Así o definiu este xoves o profesor Francisco Cidrás, coordinador da obra Ricardo Carvalho Calero. As formas do compromiso, cuxa presentación centrou o acto institucional do Día das Letras galegas 2020 e co que a institución compostelá rendeu tributo ao seu primeiro titular da Cátedra de Lingüística e Literatura Galega. A sesión presidida polo reitor Antonio López e que non puido celebrarse con anterioridade por mor das restricións sanitarias derivadas da pandemia, contou tamén co relatorio ‘O Carvalho de cen ponlas’, no que a profesora da Facultade de Humanidades, Carmen Blanco, definiu o profesor Carvalho como “un sabio egrexio do século XX imposible de coñecer dende posicións dogmáticas e reducionistas”.

O reitor Antonio López salientou o “compromiso co país, coa cultura e coa súa lingua” de Carvalho Calero, definindo a sesión institucional deste xoves como un “acto de xustiza” para homenaxear a esta figura “sobranceira” cunha “sólida traxectoria en poesía, narrativa e teatro, mais tamén destacada no eido académico como profesor distinguido e colega co que a Universidade tivo o privilexio de contar”. Entre os seus agradecementos, o reitor quixo distinguir a asistencia ao acto de María Victoria Carvalho, filla do homenaxeado.

As formas do compromiso

Pola súa parte, o profesor Cidrás subliñou que o volume editado pola USC co gallo do Día das Letras Galegas 2020,  salienta a figura do “Carvalho cívico, aquel ao que nada relacionado con Galiza e co galego o deixaba indiferente nin lle resultaba alleo”. A obra que recolle contribucións significativas sobre a figura poliédrica que conformaba o profesor Carvalho, atópase estruturada en tres partes. A primeira atende as facetas do compromiso vital do creador situadas máis á marxe dos seus quefaceres filolóxicos, nomeadamente a súa actividade política e pedagóxica ou docente, que son obxecto de análise nas contribucións de Justo Beramendi, Araceli Herrero e Aurora Marco.

Na segunda parte abórdanse as angueiras literarias do profesor. A súa actividade creadora é estudada nas contribucións de Xosé Mª Dobarro, Carlos Quiroga e Darío Villanueva. Pola súa vez as contribucións de Arturo Casas, Manuel Ferreiro e José Luís Forneiro centran a súa atención na obra de Carvalho como historiador da literatura e como crítico literario. Na terceira parte, rematan o volume cinco achegas que analizan a obra e o ideario lingüístico de Carvalho Calero, tanto nos aspectos máis propiamente gramaticais como nos vinculados ao seu posicionamento perante o modelo de lingua. Trátase das contribucións de Francisco Dubert, Martinho Montero Santalha, Pilar García Negro, Henrique Monteagudo e, pechando o volume, a de José Luís Rodríguez, principal discípulo do profesor ferrolán.

Achegas fundacionais

No seu relatorio, a profesora Carmen Blanco, antiga alumna de Carvalho, puxo o foco na contribución do autor á historia e á crítica da literatura galega no panorama da literatura xeral e comparada a cal definiu como “unha aportación científica fundamental”. “A súa intensa traxectoria creativa testemuña unha profunda vocación na que conviven a escrita íntima e a escrita para a publicación, ditada por diversas necesidades ou compromisos colectivos. Obra de conxunto esteticamente ecléctica, clásica e de vangarda simbiótica”, explicou a profesora da Facultade de Humanidades para logo afondar nas dúas etapas que marcaron o periplo vital de Carvalho. “Na súa traxectoria perfílanse dúas grandes etapas marcadas pola traxedia da guerra e do cárcere que provocará nel a crise da brillante vocación política de preguerra e o recoñecemento da devoción investigadora de posguerra”.

Carvalho e a USC

Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990) chegou a Santiago en 1926, con só dezaseis anos, a estudar a carreira de Dereito e converterse axiña nun destacado líder estudantil. Mostra do seu activismo é o discurso que pronuncia na solemne inauguración do curso 1930-1931, no que reclama a galeguización da universidade. “Aspiramos a crear unha vida universitaria autenticamente galega; aspiramos a obter un espírito galego na aulas da Universidade”, afirmaba xa Carvalho naquela altura.

Rematada a súa etapa estudantil, e tras unha longa paréntese caracterizada maiormente pola represión franquista, Carvalho regresa ás aulas da USC o 17 de maio de 1963, precisamente con ocasión do acto académico co cal a institución compostelá celebraba o primeiro Día das Letras Galegas, acabado de instituír. Carvalho aborda a figura de Rosalía de Castro, a instancias dun grupo de estudantes mozos, entre os que se atopan Carlos Casares, Arcadio López Casanova, Xohana Torres ou Salvador García Bodaño, e que consideran ao profesor ferrolán como un referente nos estudos galegos. Só dous anos máis tarde, levantada a inhabilitación como funcionario, Carvalho ingresa como primeiro profesor de lingua e literatura galegas na Facultade de Filosofía e Letras, que acollía por primeira vez estes estudos no seu currículo académico. No marco desa actitude vital, encádrase a implicación de Carvalho no movemento reintegracionista. O profesor desenvolve unha intensa actividade nesta liña, que pasa a ocupar un lugar central na etapa final da súa vida.

Maneira de ollar

No marco da súa traxectoria universitaria, Ricardo Carvalho Calero foi o responsable de iniciar a serie xa quincuaxenaria da que forma parte a obra presentada este xoves no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Todos os volumes que integran a devandita serie pretenden ser unha reivindicación, tal e como afirmou o profesor Cidrás, “metonimicamente libresca, do dereito que temos a construír o noso país e a nosa maneira de ollar o mundo sobre os alicerces universais da nosa lingua; todos os días do ano”.

De esquerda a dereita, Carmen Blanco, Antonio López, María Victoria Carvalho e Francisco Cidrás. FOTO: Santi Alvite

Outros artigos

“Comunidade de montes” – José Manuel Pena

As Comunidades de montes desenvolven un importante labor social nos espazos rurais, ademais de ser unhas ferramentas comunitarias e veciñais fundamentais para afrontar a realización de diferentes melloras nas parroquias. Para iso necesítase realizar unha boa xestión e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Loitar polos dereitos” – José Manuel Pena

“Loitar polos dereitos” – José Manuel Pena

A cidadanía cada vez é máis consciente de que os dereitos pódense perder se non se loita por eles. Así o poñen de manifesto cada día, moitos veciños, con anterioridade xa o fixeron na parroquia de Corrubedo, logo na parroquia de Palmeira e agora nas parroquias veciñas...

“Hoy 13 febrero doble felicitación” – Manuel Domínguez

“Hoy 13 febrero doble felicitación” – Manuel Domínguez

O autor do artigo (á dereita) e Xosé María Fernández Pazos Por qué se celebra el 13 de febrero La elección de esta fecha conmemora el aniversario de la creación de la Radio de las Naciones Unidas en 1946, una emisora diseñada para difundir información sobre paz,...