A ANPA Caramecheiro de Ribeira organiza esta tempada 17 actividades para celebrar a igualdade e cultura

A ANPA Caramecheiro do IES Nº1 de Ribeira redobrou esforzos esta tempada en materia de igualdade e cultura, achandando o camiño da inclusión e o coñecemento cunha manchea de actividades organizadas en colaboración co IES e o Concello. A ANPA, nesta liña de traballo, convocou espectáculos, obradoiros e charlas dirixidas ao alumnado do dito centro educativo, aos docentes e ás súas familias.

Por exemplo unha sesión sobre a regueifa (Poesía oral improvisada en igualdade, a desenvolver o vindeiro 24 de maio no Auditorio Municipal de Ribeira), un obradoiro sobre ioga (Co-educando dende o ioga, programado para o 11 de maio no ximnasio do IES nº1 de Coroso en diferentes quendas ao longo da mañá) e catro obradoiros de co-educación destinados a poñer o foco na igualdade e na prevención das violencias machistas (o día 27 de abril, ao longo da mañá en catro quendas, impartidos por Feitoría Verde).

Tamén está programada a charla O día que as mulleres gobernemos o mundo todo será distinto, que se desenvolve o 10 de maio en dúas quendas (ás 12.30 e ás 17.30 horas) no Auditorio Municipal de Ribeira). Organiza a ANPA en colaboración co IES de Coroso e o Concello de Ribeira.

Igualmente, no marco das actividades para celebrar o Día das Letras Galegas, a ANPA organiza o mércores 28 de abril o obradoiro Rap en galego pola igualdade con Xela Arias, no salón de actos do IES nº1 ao longo da mañá. Colabora Vella Escola Cultura Urbana. A actividade terá unha duración de 90 minutos. Interpretaranse obras de poetas e escritores sobranceiros da nosa terra, incluída Xela Arias, a quen a RAG adica este ano o Día das Letras Galegas.

A ANPA lembra que entre o 27 de abril e o 24 de maio ofrecerá á comunidade escolar e docente, e á veciñanza, 17 eventos: 13 obradoiros, 2 actuacións e 2 charlas teatralizadas; repartidos entre o salón de actos do IES Nº1, o seu ximnasio e o Auditorio Municipal de Ribeira.