Os Cadernos Ramón Piñeiro súmanse á homenaxe do centenario da revista Nós

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), pendente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, sumouse ás homenaxes do centenario da revista s, un dos grandes fitos históricos da nosa cultura, impulsada en orixe polo ourensán Vicente Risco, coas importantes achegas estéticas e artísticas do rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Fermín Bouza-Brey ou Ramón Otero Pedrayo, entre outros moitos personaxes sobranceiros. Os detalles da adhesión do CRPIH ás celebracións presentáronse este 11 de marzo.

En concreto, no marco da colección Cadernos Ramón Piñeiro o centro adicaralle á senlleira publicación a súa edición número XLII, Dentro de Nós mesmo e a rente ou ao redor. Este caderno, que recolle ata 38 colaboracións, foi dado a coñecer na sede do CRPIH polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade recordou que “a revista Nós é un referente interxeracional na divulgación cultural, científica e lingüística galegas sen o cal non se podería imaxinar a Galicia que coñecemos hoxe.” Salientou, ademais, “o importante labor que os intelectuais de Nós levaron a cabo na normalización do uso do galego, un dos elementos vertebradores do boletín”.

Homenaxe colectiva

A edición dos Cadernos Ramón Piñeiro (XLII). Dentro de Nós mesmo e a rente ou ao redor vén da man dos investigadores Luís Cochón e Laura Caamaño Pérez e contou coas colaboracións de Rafael Chacón Calvar, Justo Baramendi, Manuel Outeiriño, Xosé Manuel Beiras, Xurxo Martínez González, Xosé Luis Axeitos, Bieito Iglesias, José Antonio Durán, Ángel Gónzalez Férnandez, Camilo Gonsar, Emilio Xosé Insua, Pepe Barro, Ramón López Vázquez, Gustavo Luca, X.L. Méndez Ferrín, Xosé Carlos Valle Pérez, Xaquín Lorenzo Fernández, Xesús Alonso Montero, Anxo Angueira, Carlos Baliñas Fernández, Darío Xohán Cabana, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Xosé Ramón Fandiño, Manuel Forcadela, María Pilar García Negro, Xosé Manuel González Reboredo, María Xesús Lama López, Teresa López, Carlos López Bernárdez, Xosé Ramón Pena, Xabier Ron Fernández, Miguel Anxo Seixas Seoane, Luis Seoane, Mª Ángeles Tilve Jar e Xosé Fernando Filgueira Valverde.

O propósito dos editores literarios, Luis Cochón e Laura Caamaño Pérez, foi “rememorar aquel boletín mensual da cultura galega que tomou forma na revista Nós (1920-1936), onde escribiron cando menos 200 autores do noso pertencentes a tres quendas xeracionais en idioma galego”.

Fundada o 30 de outubro de 1920, a revista Nós foi impulsada e dirixida por Vicente Risco co obxectivo de reivindicar a cultura propia de Galicia a través do estudo científico e da creación literaria. Dunha banda, buscouse difundir a través dela o coñecemento científico e humanístico que se estaba a producir en Galicia. Pola outra, a intención era achegar a Galicia as novas ideas que xurdían por aquel entón no resto de Europa. Durante os seus 16 anos de vida, viu pasar polas súas páxinas escritores do máis diverso e ilustre de Galicia, desde os intelectuais do Grupo Nós (Vicente Risco, Otero Pedrayo, Castelao, Cuevillas, Arturo Noguerol…) ata unha xeración de autores máis novos (Fole, Bouza-Brey, Fernández del Riego…) que fixeron da revista un referente da cultura galega 100 anos despois.