Orientación Laboral de Rianxo achega unha guía para traballar e formarse no estranxeiro

O Concello de Rianxo vén de elaborar a Guía de mobilidade para traballar e formarse no estranxeiro, un documento que contén a información precisa para vivir unha experiencia laboral fóra de España, aprender idiomas e coñecer outras culturas.

O principal requisito que é preciso ter para beneficiarse deste programa é ser estudante de grao, mestrado (master) ou doutorado. Para os estudantes de Erasmus +, o tempo total de estadía non pode superar os 12 meses, mentres que os alumnos dos graos de medicina ou arquitectura poden votar ata 24 meses fóra. Ademais, é necesario ter boas cualificacións: os estudantes de grao deben ter en total entre un 5 ou 6 de media, mentres que os de mestrado terán que acadar sobre un 7 e os de doutoramento un 8 como mínimo. Soamente os alumnos que teñan un idioma cun nivel acreditado de B1 poderán participar nesta iniciativa.

A bolsa Erasmus + contén os gastos de viaxe e estancia, aínda que dependendo dos países pode variar, xa que non todos teñen o mesmo custo de vida. A cantidade de diñeiro abonada tamén dependerá do período de tempo que o estudante permaneza no estranxeiro.

Doutra banda, existe o programa SICUE que non está orientado á mobilidade fóra do país, pero si permite cambiar de lugar de residencia e coñecer outras experiencias, xentes e lugares onde poder alcanzar un crecemento persoal e aumentar as posibilidades de futuro profesional, laboral e social. Este programa está apoiado polas bolsas Séneca e foi establecido polas universidades que forman a CRUE (Conferencia de Reitores das Universidades Españolas), que son 76 en toda España (50 públicas e 26 privadas). Os requisitos para participar son practicamente os mesmos que os de Erasmus +.

Entre os acordos establecidos polas universidades, destacan, a maiores, os Convenios Bilaterais. Os requisitos para acceder a unha mobilidade a través dun convenio bilateral varían en función de cada convenio, pero habitualmente son estar matriculado/a na universidade de orixe e acreditar un nivel de idioma estranxeiro. A parte disto, cabe mencionar que hai uns programas que reciben o nome de lectorados, exclusivos para titulados en estudos relacionados coa lingua e a literatura. Consisten nunha estancia dun tempo determinado noutro país, durante a cal se realizarán labores docentes en institucións educativas ou relacionados co ensino e promoción da lingua. As bolsas para a realización de lectorados están convocadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a Axencia Española de Cooperación Internacional.

Cómpre destacar que existen programas e axudas educativas para estudar no estranxeiro como as bolsas de Amancio Ortega, as da Fundación Galicia ou Eurolingua, pero os procesos mencionados anteriormente son os máis comúns.

Na Guía de mobilidade tamén se dan opcións para buscas traballo no estranxeiro, colaborar en actividades como a vendima en Francia ou participar en programas de investigación como as Accións Marie. A súa vez, no dossier aparece información relacionado co voluntariado na ONU ou outros organismos.

Aquelas persoas que se encontren interesadas en ampliar información, poderán consultar as bases da guía en formato PDF.