O programa Abril dos Libros traerá espectáculos culturais a todas as parroquias de Ribeira

Neste comezo da primavera, Ribeira será un fervedoiro cultural. Así o informaron as concelleiras de Cultura e Educación, María Sampedro e Juana Brión, durante a presentación do programa de eventos Abril dos Libros, unha iniciativa que xorde da unión de forzas de ambos departamentos e que incluirá a cifra destacada de dez propostas culturais co obxectivo común de promover a lectura e reivindicar o poder curativo da literatura. Será ademais unha axenda descentralizada: Abril dos Libros chegará a todos os recantos do concello.

Segundo fixeron saber, o programa estará dirixido maioritariamente a público infantil-familiar pero “tamén haberá algunha que outra proposta para público adulto”.

Todas as funcións serán con aforo reducido, con agrupación por convivintes mantendo a distancia de seguridade, así como o resto do dispositivo de prevención implementado nas instalacións culturais.

Como dixemos, achegaranse dez propostas culturais, dúas delas para adultos e oito para público infantil e familiar, segundo explicou María Sampedro. Os espectáculos para público familiar celebraranse todos os sábados do mes de abril, polas mañás ás doce no Centro Cultural Lustres Rivas e polas tardes ás sete en distintas parroquias do municipio para así descentralizar a programación e tratar de chegar a todos os veciños e veciñas.

Os sábados ás doce actuarán Atenea García co espectáculo Utopías, Raquel Queizás co Segredo do Tendal, Talía Teatro con Rosa Caramelo e Polo correo do vento con Protexendo o camiño.

Polas tardes as sesións serán o sábado 3 na parroquia de Carreira coa obra Aldara na montaña, de Soraya Lema; o sábado 10 no Centro Social de Oleiros co espectáculo Debulendo lendas de Títeres Tarabelos; o sábado 17 chegará á Casa do Mar de Corrubedo a compañía Pérez&Fernández e o sábado 24 desembarcará en Aguiño na Aula de Música o artista Magín Blanco coa obra O que levamos nas maletas.

En canto ás citas para público adulto chegará a Ribeira o venres 23 a nova produción de Excéntricas titulada Estrela do Día, un espectáculo escrito polo autor local Quico Cadaval e baseado nos milagres das Cantigas de Santa María de Alfonso X O Sabio, un dos primeiros manuscritos galaico-portugueses do que temos constancia. A obra, que combina “música, humor, e algo de drama”, chega a Ribeira coa colaboración e o patrocinio da Deputación da Coruña.

Segundo fixeron saber as concelleiras, abril pechará “cun evento moi agardado”, como é a presentación literaria da novela Celada de Antonio Piñeiro, que foi a obra gañadora da sétima edición do Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira.

Todos os espectáculos e eventos, tanto os de adultos como de público familiar, requirirán de inscrición previa. Para iso, na semana de cada sesión as persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico a culturaefestexos@ribeira.gal indicando o número de asistentes, relación de convivintes, nome e apelidos e teléfono de contacto, e posteriormente a Concellería de Cultura confirmará a dispoñibilidade.

Ademais, segundo avanzou Juana Brión, para esta Semana Santa estase a organizar un Láser Tag, que é un xogo de cooperación e competición na liña do paintball, pero con láser en vez de bolas. A edil recalcou que “é unha actividade totalmente inofensiva e seguindo os protocolos COVID que se desenvolverá nas distintas parroquias”.