O profesor García Marín convida en Rianxo a celebrar o 8-M reinventando as masculinidades imperantes

Portada do libro de García Marín Papá, por que non pintas as unllas de cores?

O pasado 25N anulouse, por mor da situación de emerxencia sanitaria provocada pola COVID-19, unha das actividades previstas da Escola de Familias 2020 en Rianxo, a presentación do libro Papá, por que non pintas as unllas de cores? do sociólogo da USC Jorge García Marín. O ensaio editado por Galaxia, que é un chamamento á poboación masculina a tirar abaixo todos os estereotipos e falsas crenzas acerca do que tradicionalmente significa “ser home” (unha proclama á reeducación dende unha perspectiva feminista e integradora), foi agora o eixo temático da conversa mantida entre García Marín e a concelleira de Benestar de Rianxo, Hadriana Ordóñez, un encontro que recolle o fío da presentación adiada en novembro e que se encadra nas celebracións rianxeiras deste 8-M, Día da Muller. A conversa pode verse estes días online. É en si mesma un recordatorio da importante tarefa que temos entre mans, homes e mulleres: construír novas masculinidades. “Os homes non poden mirar cara a outro lado pensando no cambio”, sinalaron.

Na conversa García Marín e Hadriana Ordóñez fan un percorrido por varias tarefas pendentes (como axudar aos nenos disidentes, como atenuar a resistencia da sociedade a estes cambios, como loitar contra o patriarcado hexemónico dun xeito construtivo e normalizador, etc) e poñen o foco no poder do pensamento e da linguaxe, tanto para combater o menosprezo coas nenas como para romper e refacer unha vara de medir que foi e segue a ser masculina. Segundo fixo saber García Marín, aparte dos contos, que son un elemento fundamental de traballo, “son importantes os xogos simbólicos e as actividades que dende unha perspectiva de xénero acheguen aos nenos ao eido dos coidados e da afectividade (arrolar un bebé, xogar ás comidiñas, brincar ás perruquerías…), fomentando o xogo libre non tradicional, como por exemplo cun convite a disfrazárense, eles e os pais, coa roupa da nai ou a pintar as unllas e facelo todo de xeito natural”.

E engade: “No mandato masculino está a autosuficiencia e a forza pero está restrinxida a expresión de emocións, emocionarse coa natureza, acariñar un can, emocionarse cun carballo, coidar a súa avoa…. Neste panorama os nenos vense encorsetados por medo ao menosprezo ou a burla, son vítimas, non poden chorar, emocionarse, pintar as unllas (…) Todo isto desemboca nunha castración emocional terríbel, unha situación que representa un importante reto para os homes adultos, unha materia pendente a través da cal deberán traballar con modelos opostos aos malotes, fomentando un modelo de home que nin beba alcol nin conduza de xeito temerario nin pelexe nin sexa agresivo por natureza”.

O profesor da USC avogou por un modelo de home que recoñeza a súa fraxilidade e conviva con ela, sen agochala.

O relator convidado

Jorge García Marín é profesor do departamento de Socioloxía na Universidade de Santiago. Ten ás súas costas unha longa bagaxe como activista a prol das desigualdades e pechando fileiras, en colaboración coas comunidades de estudantes, arredor de todo tipo de iniciativas contra o machismo e a violencia contra as mulleres.

García Marín imparte docencia no mestrado Igualdade, xénero e educación e na actualidade é secretario do CIFEX (Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero). Dende hai case trinta anos está vencellado a grupos de investigación en temáticas de xénero, sendo as súas liñas prioritarias, dentro dos estudos de xénero, os videoxogos, as identidades virtuais, os relatos fílmicos e as problemáticas asociadas ás masculinidades. Coa obra presentada en Rianxo convida ao pensamento crítico sobre a necesidade de “deconstruír esa educación que nos fai homes dende unha nova perspectiva, feminista e integradora”. É un libro sobre as Novas Masculinidades, sinalou o autor, engadindo que se trata de comportamentos que “temos que empezar, entre todas e todos, a construír para conseguir un mundo máis igual e, sobre todo, homes e mulleres máis felices”.