O Goberno de Ribeira apoia as reinvindicacións da Confradía local na retirada da reforma do regulamento de control de pesca da UE

O Goberno Municipal de Ribeira desexa manifestar o seu apoio ás reivindicacións da Cofradía de San Pedro en canto á retirada da proposta de modificación do Regulamento de Control da Unión Europea dunha serie de cuestións que serían prexudiciais para o noso sector pesqueiro, tales como a remisión de datos de capturas dende o
buque ou á xeolocalización e instalación de cámaras de vixilancia a cambio de cota de pesca para a flota artesanal.
Neste senso, e enterados pola Federación Galega de Confrarías das repercusións que para a flota de pesca artesanal terá a imposición do novo Regulamento de Control da UE no sector pesqueiro da cidade, o pósito demanda a retirada nunha serie de puntos que consideran “innecesarios, gravosos ou ata imposibles de cumprir” no noso ámbito
territorial.
En concreto, solicitan a exclusión para a flota artesanal da obrigatoriedade de instalación de cámaras ou a instalación de cámaras compensadas con máis cota, a xeolocalización obrigatoria para aqueles buques que traballan agrupados ou a pouca distancia da costa, e máis a obrigatoriedade de remitir datos de capturas diarios dende a embarcación: todo isto, atendendo tanto a que a flota artesanal remite diariamente os datos de capturas dende as lonxas
situadas a pouca distancia do atraque ou declaracións de transporte, como atendendo ás especiais características organizativas do sector.
Definición de pesca artesanal
Así mesmo, dende a Confraría subliñan os prexuízos derivados de que non se modifique na citada normativa da definición de pesca artesanal —petición realizada dende o propio sector— e se continúe describindo á pesca costeira artesanal como a desenvolvida por buques inferiores a 12 metros de eslora e con determinadas artes de
pesca. Isto implica que todas as embarcacións maiores de 12 metros quedan fóra da citada categoría, o que ocasiona inconvenientes como, por exemplo, non poder acceder ás axudas dos Grupos de Acción Local de Pesca (GALP) con fondos FEMP.
A este respecto, non se estimaron os argumentos de organizacións representativas do sector que avogan por definir a pesca costeira artesanal dende unha perspectiva multiparamétrica, cumprindo alomenos tres dos seguintes cinco criterios:

  1. Eslora de embarcacións inferior a 12 metros.
  2. Faenar dentro de augas nacionais.
  3. Duración máxima das mareas de 24 horas.
  4. Utilización de artes de pesca sostibles.
  5. Máximo de catro tripulantes enrolados a bordo.
    En base a todo o exposto, a confraría ribeirense solicita a retirada da proposta de modificación do Regulamento de Control da Pesca e insta a unha definición clara e real do concepto de pesca artesanal baseada nunha definición multicriterio, ademais de requirir un tratamento diferenciado da flota de pesca costeira artesanal respecto
    das que son de carácter industrial ou semiindustrial. Dende o Goberno Municipal darase traslado destas reivindicacións aos resto dos grupos da Corporación na procura de sumar o seu apoio.
Confradía de Pescadores Ribeira