Medio cento de actividades para celebrar a Xela Arias nas Letras Galegas 2021

As Letras Galegas serán este ano unha festa de resistencia contra a COVID. Este é fío que une as actividades (medio cento de accións) presentadas este 23 de marzo polo Goberno galego, unha axenda confeccionada en colaboración coa Real Academia Galega, o Consello da Cultura de Galicia, a CRTVG e múltiples entidades e empresas que quixeron achegar o seu gran de area á conmemoración do 17 de maio, que este ano vai adicada á poeta Xela Arias. Boa parte das accións serán híbridas (presencialmente limitadas pero con ampla marxe de acción online) ou directamente envorcadas nas redes. Haberá literatura, exposicións, deportes, música e teatro. Tamén se prepara un videomapping que proxectará versos e imaxes da autora en 25 emprazamentos e edificios significativos de toda Galicia.

Na presentación en Sarria (vila natal da escritora á que se rende tributo) desta axenda de homenaxes a Xela Arias, Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Educación, salientou o carácter “completo e variado” da programación que pon en valor a unha muller “comprometida e precursora” que “rompeu moldes nas nosas letras cunha linguaxe poética urbana, vangardista e anovadora”.

Na rolda de prensa participaron, ademais do conselleiro, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias, e parte da súa familia como a súa nai, Amparo, e o seu irmán Lois, o seu fillo Darío Gil Arias ou a súa parella Xulio Gil.

Exposicións en distintos puntos de Galicia

A programación prevista como homenaxe a Xela Arias abrangue unha chea de iniciativas de participación social e cultural, de fomento da igualdade e a integración, accións musicais e actividades no ensino, nos concellos e tamén haberá actividades para os galegos no exterior.

No eido artístico, a Xunta promove iniciativas como a exposición Xela Arias. Asinamos ser libres, que fará parada en dez concellos galegos difundindo detalles da vida, obra e o contexto histórico no que viviu a homenaxeada; ou Aquela nena de Sarria, que recalará na Biblioteca de Lugo e repasará as súas orixes e a súa nenez nesta vila lucense.

Tamén se promoverá, da man do seu fillo Darío Gil, outra mostra fotográfica con preto de medio cento de pezas titulada Tigres coma cabalos inspirado no poemario da autora. Chegará ás cidades de Vigo e Santiago e irá acompañada dunha reedición do libro en formato catálogo expositivo. Ademais, a Biblioteca de Galicia celebrará o Día da Letras Galegas cunha exposición na que se dará a coñecer o fondo bibliográfico que custodia da autora e haberá tamén distintas mostras bibliográficas pola rede de bibliotecas públicas.

De maneira virtual, tamén se celebrará a iniciativa Xela Arias. Fotogalerías. Retratos de autor. Trátase dunha proposta que se poderá ver no Portal da Lingua Galega da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que ofrecerá a partir de abril unha fotogalería con preto de 30 imaxes da poeta de Xulio Gil, autor dalgúns dos retratos máis coñecidos de Xela Arias. Estas imaxes completaranse cunha fotogalería inédita da infancia e adolescencia da autora para que o profesorado e o alumnado dos centros escolares galegos poidan botar man delas.

Propostas no eido educativo

Desde o punto de vista académico, manteranse este ano citas que son vellas coñecidas como a Xornada do Día das Letras Galegas, nas que desde a Consellería de Educación brindarase ao profesorado non universitario ferramentas para abordar a figura da artista nas aulas ou o simposio organizado en novembro pola Xunta e a Real Academia Galega (RAG) centrado na súa figura e dirixido sobre todo a profesorado de lingua galega e literatura dos distintos niveis educativos.

Pola súa banda, os equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos de Galicia tamén impulsan iniciativas e elaboran recursos para dar a coñecer a autora homenaxeada, a súa obra e o seu compromiso coa lingua galega. Unidades didácticas, calendarios, marcapáxinas, crebacabezas, presentacións, xincanas, exposicións, festivais, pasapalabras, vídeos, podcast, telexornais, cancións ou videopoemas son algunhas das propostas que se van desenvolver en colexios e institutos de toda Galicia.

O IES Xelmírez II de Santiago de Compostela, no que a autora exerceu a docencia, prepara unha xornada que celebrará o 18 de maio coa participación de María Xesús Nogueira e de Fernando Abreu.

Pola súa banda, o IES Castelao de Vigo programou oito citas que estenden a celebración neste centro no que estudou a poeta do 16 de abril ao 21 de maio, con lecturas de poemas, actuacións musicais, relatorios e charlas-coloquios arredor de Xela Arias, obradoiros e conferencias, que lle achegarán ao alumnado a figura, vida e obra da poeta, da man de moitas persoas das que mellor a coñeceron.

A programación das Letras Galegas 2021 incluirá tamén certames de relato, de debuxo, de podcast, banda deseñada, fotografía e mesmo o concurso de rap en galegoLingua de Rapear, impulsado por Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude.

Asemade, apostarase por accións de fomento da lectura e o coñecemento da obra de Xela Arias entre os máis novos, dentro e fóra do ámbito educativo.

Máis accións en formato dixital

Segundo confirmou Román Rodríguez, este ano haberá unha “forte presenza dixital ou audiovisual, tendo en conta o actual contexto sanitario”. Como por exemplo a vertente dixital do proxecto Vencerse é cousa de se tratar, que inclúe un espectáculo poético-musical que fai realidade o desexo de Xela Arias de levar ao escenario a súa derradeira obra, Intempériome, un proxecto que nunca puido ver cumprido.

Ademais, a Cidade da Cultura acollerá en maio unha actividade de lectura participativa para difundir nas redes a obra de Xela Arias coa que se realizará unha peza audiovisual para visibilizar nas redes sociais.

Tamén destaca a elaboración e difusión dunha trintena de pílulas audiovisuais arredor de Xela Arias con testemuños de familiares, amigos e persoeiros da cultura galega ou, tamén, un innovador proxecto de videomapping que proxectará versos e imaxes da autora en 25 edificios e emprazamentos significativos de toda Galicia.

Ademais, o Portal das Palabras, a web da RAG, así como o do Consello da Cultura Galega ou da CRTVG incluirán contidos específicos no universo vital e literario de Xela Arias.

Tamén haberá propostas musicais. Entre outras, o 16 de maio terá lugar o tradicional Concerto das Letras Galegas promovido polo Consello da Cultura Galega que unirá textos e música a cargo de PicoAmperio e Laura LaMontagne, nunha proposta estética audiovisual innovadora. Co apoio da Xunta, a Banda da Loba lanza un novo EP Hasme Oír, que verá a luz no mes de abril.

Participación social e editoriais

A programación incluirá tamén iniciativas de participación social e empresariais. Así, ao longo do mes de maio, trens de alta velocidade dos corredores A Coruña-Vigo e A Coruña-Ourense levarán nos repousacabezas a imaxe institucional do Día das Letras Galegas 2021 e nas estacións de tren das cidades e os carteis gañadores do Concurso-exposición das Letras Galegas organizado pola Xunta. Estes carteis tamén se poderán ver, en tamaño reducido, no interior dalgúns vagóns.

Na véspera do Día das Letras Galegas os supermercados Gadis de Galicia agasallarán a súa clientela, por calquera compra, cunha tirada de 30.000 libros en galego, 30.000 marcapáxinas e 60.000 bolsas de papel conmemorativas do 17 de maio. Ademais, a Vegalsa-Eroski e a Consellería de Cultura desenvolven un ano máis unha campaña para promover a celebración do 17 de maio nos seus establecementos comerciais a través de carteis e bolsas da compra conmemorativas para homenaxear a Xela Arias.

No eido editorial, incluirase a edición de obras inéditas, como Non te amola!, que a autora ultimaba cando faleceu, así como edicións especiais ou reedicións. Tamén se publicará unha biografía, entre outras.

No exterior

As conmemoracións estenderanse ao exterior. Así, a Rede de Centros de Estudos Galegos e Lectorados da Xunta de Galicia súmase, desde a programación impulsada polos 36 departamentos universitarios que a integran repartidos por América, Europa e Asia, ao labor de difusión da vida, figura e obra da autora homenaxeada polas Letras Galegas.

Desde Salvador de Baía (Brasil) ata Budapest (Hungría) as actividades especiais arredor do 17 de maio espállanse e adquiren diversidade de formatos para achegarlle ao alumnado universitario conferencias, charlas-coloquios, encontros, proxeccións, exposicións, publicacións sobre Xela Arias. Toda a programación pode consultarse no Portal da Lingua e en cultura.gal.