Dodro, Rianxo e os concellos coruñeses do Ulla promoven os seus atractivos turísticos coa axuda da Deputación

10 Marzo 2021

Os concellos que constitúen a beira norte do río Ulla veñen de xuntar forzas coa Deputación da Coruña para promover os seus recursos históricos, patrimonios e deportivos. Esta listaxe de territorios, entre os que se contan Dodro e Rianxo, atópanse detrás da campaña Goza do Ulla que, como indica no seu nome, é un convite a descubrirmos os tesouros (turísticos, culturais, gastronómicos, lúdicos, de lecer) da contorna xeográfica bañada polo curso fluvial que separa as provincias da Coruña e Pontevedra.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e alcaldes dos concellos que atravesa o río participaron na presentación en Arzúa do vídeo Goza do Ulla, na capela da Madanela.

Ademais do vicepresidente Xosé Regueira, e o alcalde de Arzúa, José Luís García, participaron o alcalde de Dodro, Xabier Castro, alcalde de Touro, Ignacio Codesido, alcalde de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, alcalde de Santiso, Manuel Adán, a concelleira de Turismo de Arzúa, Begoña Balado, e a concelleira de Turismo de Teo, María López.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, sinalou que o vídeo é o “primeiro paso dun proxecto máis ambicioso para a promoción dun produto de primeira magnitude co fin de conseguir experiencias turísticas que están a funcionar noutros destinos como Francia ou o Canal de Castela”.

Destacou tamén que a cantidade e calidade de recursos nos 132 quilómetros de percorrido dan opción para “aproveitar a riqueza de auga doce e favorecer o turismo deportivo, náutico ou o sendeirismo nun proxecto de aproveitamento para articular unha iniciativa de grande valor turístico e medioambiental”.

Como dixemos, no acto proxectouse o vídeo Goza do Ulla, unha peza documental na que dous mozos e unha moza seguen a pé o territorio que percorre o río, desde Antas de Ulla até o esteiro na ría de Arousa, pasando por vinte concellos das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra dos que Santiso, Arzúa, Touro, Boqueixón, Vedra, Teo, Padrón, Dodro e Rianxo pertencen a terras coruñesas.

No percorrido, os tres camiñantes atoparanse un tesouro de recursos naturais, históricos ou deportivos que fan do leito do Ulla “unha oportunidade de promoción turística sostíbel do territorio, con numerosas rutas e posibilidades para gozar do tempo de lecer”.

Desta maneira, entre outros recursos da provincia que o guión do vídeo destaca están as brañas de Laíño en Dodro, a ruta das Tres Cruces en Rianxo, o Museo Vivinte do Mel en Portodemouros, concello de Arzúa, o muíño en funcionamento do concello de Touro, o Pico Sacro en Boqueixón, a Ponte Ximonde en Vedra ou a do Xirimbao en Teo ou o Mosteiro de Herbón en Padrón.

O vídeo está producido pola produtora Xurdir e dirixido por Manu Seoane e, a partir de agora, será unha ferramenta de promoción dos concellos e a Deputación dentro da campaña de posta en valor do seu potencial turístico.

Outros artigos

Volve co Samaín o Claustro do Terror no Concello de Noia

Tras o éxito do ano pasado, regresa o II Claustro do Terror, que volverá converterse nun dos grandes protagonistas do Samaín de Noia. Novamente as persoas participantes terán que resolver un crime no Consistorio, e a resolución virá acompañada dun ambiente axeitado...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.