Deportes de Noia acondicionou o Estadio de San Lázaro para facer fronte ás inclemencias climáticas

A Concellería de Deportes de Noia que dirixe Laura Salgado informou estes días dos traballos que se están a realizar no Estadio Municipal de San Lázaro para poñelo a punto e mellorar as instalacións. En concreto, levouse a cabo un cerramento da parte superior da grada para crear un espazo que poida ser empregado polo CF Noia e polo Club Atletismo Noia para a realización de actividades deportivas, “sobre todo nos días que a climatoloxía non permita adestrar ao aire libre”, sinalou a edil, salientando que esta cubeta tamén dará acubillo aos espectadores os días de competición, “nos que as inclemencias meteorolóxicas fagan complicado estar sentados nas bancadas”.

Ademais, engadiu, substituíronse as baixantes dos canlóns coas súas correspondentes proteccións para que “teñan unha maior durabilidade e resistencia”.

Tamén se realizaron melloras de accesibilidade nas escaleiras de acceso ás gradas.

O alcalde Santiago Freire comprobando as melloras nas instalacións

Amais, no transcurso desta terceira semana de marzo vaise a proceder á posta a punto do campo de céspede artificial, realizando traballos de pegado de tepe, peiteado do campo e reposición do caucho do mesmo.

Por outra banda, nos vindeiros meses levarase a cabo o proxecto de construción dunha grada cuberta que estará emprazada no campo de céspede artificial.