Así será a Preferente exprés que xogarán Puebla, Boiro e Noia

Xogadores do CD Boiro nun adestramento

A Preferente Galega volverá a disputarse tras a reunión telemática deste martes entre a Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) e os 37 equipos inscritos na categoría. Logo de moitas dúbidas, protocolos e plans competiticionais anulados por mor da COVID-19, a RFGF decidiu desenvolver a Preferente Galicia nun formato exprés sen descensos que dará comezo o 21 e o 28 de marzo, e na que participarán os tres equipos do Barbanza: Puebla CF, CD Boiro e CF Noia.

Nova distribución dos grupos

Os 37 equipos quedan divididos en dous grupos, Norte (19 equipos) e Sur (18 equipos), como vén sendo tradicionalmente. Á súa vez, o grupo Norte (A Coruña-Lugo) subdivídese en dous grupos de 6 equipos e un grupo 7 equipos, segundo o criterio xeográfico. Deste xeito o Puebla CF, CD Boiro e CF Noia quedarán encadrados no grupo B de 6 equipos, xunto co Xallas FC, SD Dubra e SD O Pino. Doutra banda o grupo Sur (Pontevedra-Ourense) queda dividido e tres grupos de 6 equipos.

O arranque ligueiro para os equipos barbanzás será o 28 de marzo, nun calendario, aínda por confirmar, que incorporará unha xornada de competición o Xoves Santo e dous días máis entre semana para así avanzar ata o final de liga que rematará o 27 de xuño, sempre e cando a pandemia o permita.

Dúas fases: liga regular sen descensos, fase da Copa do Rei e fase de ascenso

Un dos alicientes para que moitos dos equipos da Preferente se inscribiran a estas alturas foi o novo formato exprés sen descensos. A competición divídese en dúas fases, a primeira cunha liga regular en cada un dos subgrupos de todos contra todos a dúas voltas. Os dous primeiros clasificados de cada subgrupo conseguirán un billete para o Grupo de Ascenso, no que os tres primeiros de cada subgrupo arrastrarán 3 puntos e os segundos 1 punto cada un. Esta fase de ascenso xogarase a unha volta e non se enfrontarán os equipos que procedan do mesmo subgrupo. Tras o remate do Grupo de Ascenso, no que cada equipo xogará dous partidos como local e dous como visitante, os dous primeiros clasificados acadarán o ascenso a Terceira División.

A participación na Copa do Rei tamén é un dos temas que máis interese xera entre os equipos participantes. Así a RFGF decidiu que sexan os terceiros clasificados de cada subgrupo na primeira fase os que loiten pola praza de acceso á Copa do Rei da vindeira temporada.

Un formato que permite soñar aos equipos do Barbanza

Este novo plan de competición exprés provocará que cada xornada sexa unha final para todos os equipos, xa que en 14 partidos poden conseguir o ascenso á Terceira División. Ademais a eliminación dos descensos orixina que a presión de certos equipos menores acostumados a loitar pola salvación se vexa reducida e poidan apertar a clasificación final como nunca antes na Preferente Galicia.

O Puebla CF, CD Boiro e CF Noia terán o dereito a soñar cun ascenso á Terceira División Galega. Os pobrenses, dirixidos por Anxo Casalderrey, sitúanse nunha situación oportuna para demostrar que a boa actuación na campaña anterior non foi casualidade. Cun plantel formado por xogadores da zona, o Puebla CF tentará dar a machada e colarse entre os tres primeiros clasificados, para polo menos optar a xogar a vindeira Copa do Rei.

O CD Boiro e o CF Noia postúlanse como favoritos no seu subgrupo. O equipo de Barraña conta cun cadro amplo, con novas fichaxes, e ca volta de xogadores experimentados na categoría como Paco, que estaba no Estudiantil, e Cardeñosa que probablemente regresará ao céspede para axudar ao Boiro a loitar por todo.

Pola súa parte, os noieses manterán a base de anos anteriores, á espera de Nando, que lles serviu para optar ao ascenso en anteriores ocasións, polo que desta vez terán a posibilidade de volver a Terceira División pola vía rápida.