A obra de mellora da estrada DP-1107 de Boiro a Cabo de Cruz incluirá a execución dun carril bici

14 Marzo 2021

A Deputación da Coruña levará a cabo obras de mellora da seguridade viaria na estrada DP-1107 que vai de Boiro a Cabo de Cruz. A actuación incluirá o pavimentado dos catro quilómetros comprendidos entre a Avenida da Constitución e o núcleo de Cabo de Cruz, así como  a execución dun carril bici por unha das marxes.

Así llo confirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, ao alcalde de Boiro, José Ramón Romero, durante a visita que esta semana realizou ao municipio.

O presidente da Deputación, o alcalde de Boiro e o concelleiro de Obras, Luís Ruíz, mantiveron unha reunión de traballo na Casa do Concello na que o goberno municipal trasladou ao presidente provincial as principais necesidades de Boiro en materia de infraestruturas, entre elas a de mellorar a seguridade, tanto para os vehículos coma para os peóns, da estrada DP 1107, que conecta Boiro e Cabo de Cruz.

 “A mellora deste vial é fundamental, xa que une os dous núcleos de poboación mais grandes do municipio. Coa execución do carril bici nos catro quilómetros vanse mellorar tamén as conexións peonís e aumentar os quilómetros de carril bici dispoñibles no municipio”, afirmou o alcalde, José Ramón Romero.

Pola súa banda, Valentín González Formoso destacou que o proxecto, que será financiado a través do Plan de Conservación de Estradas,  suporá un investimento aproximado de 450.000 euros “para unha das principais vías de comunicación de Boiro” e apuntou que, ademáis de renovar completamente a pavimentación entre os PK 0+000 e 4+000, as obras incluirán a construción dun carril bici nunha das marxes .

“Os carrís bici e sendas ciclables están habitualmente nas cidades e na súa contorna máis próxima. Na Deputación queremos estendelo tamén a outros municipios, onde funcionarán como un elemento de vertebración do territorio  de dinamización turística”, afirmou González Formoso, que apuntou que “a aposta pola mobilidade sostible” da Deputación supón un importante investimento de máis de 9 millóns de euros, o que nos está permitindo crear 130 novos quilómetros de vías ciclistas en 19 concellos da provincia” con proxectos singulares coma a Rede Ciclista Metropolitana da Coruña; a creación da primeira Vía Verde da provincia, que conectará Santiago e Cerceda ou a construción de sendas ciclables en 11 faros da zona das comarcas de Ferrolterra-Ortegal, Costa da Morte e ría de Muros.

Os traballos na DP-1107 contemplan a limpeza de beiravías e fresado dos tramos que non é posible elevar mais a rasante da estrada actual, así como a eliminación dos saíntes das beirarrúas para acondicionar o espazo e mellorar a accesibilidade. Despois executarase o pavimentado con capa de mestura bituminosa para logo poder executar o carril bici. As obras van incluír tamén a demolición dos pasos peonís sobreelevados existentes para logo executar redutores de velocidade a base tamén de mestura bituminosa.

O proxecto incluirá o repintado das marcas viarias e instalación de nova sinalización vertical, así como a dotación de material e sinalización do carril bici que se estenderá ao longo dos catro quilómetros do vial.

Outros artigos

Este sábado 12 comezan as Festas do Carme de Cabo de Cruz

Esta fin de semana e boa parte da semana que vén celébranse en Cabo de Cruz (Boiro) as Festas do Carme edición 2025, unhas celebracións na honra da patroa da xente do mar, a Virxe do Carme, que xunta actividades relixiosas, culturais e festeiras e que este ano vén cun...

+

Este sábado celébrase o XXXV Festival Folclórico de Escarabote

Este sábado 12 de xullo vaise celebrar a XXXV edición do Festival Folclórico de Escarabote, a partir das 21.00 horas, no porto da dita vila mariñeira. A cita, unha reivindicación da música, o baile e a cultura tradicionais da nosa terra, será organizada pola AC Pedra...

+

Publicidade

Castiñeiras

Revista en papel

Opinión

“Coñecían os andares”. Luís Celeiro

“Coñecían os andares”. Luís Celeiro

Se contaran e anotaran os roubos sacrílegos perpetrados nos últimos séculos deberíanposuír unha extensa libreta de dimensións considerables, tan grandes como a listaxe dosnomes, dos topónimos e dos obxectos. E, quen rouba ou para quen rouba? Hai quen roubao perdón, o...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.