Os PSdG pide ao Goberno galego que colabore co Concello de Ribeira para investigar o Peirao da Covasa e poñelo en valor

O PSOE galego, a través dos deputados Noa Díaz Varela e Luís Álvarez Martínez, presentou ante o Parlamento de Galicia unha interpelación relacionada co Muelle Fenicio da Covasa (Aguiño, Ribeira), o estado de conservación no que se atopa e a necesidade de poñelo en valor como importante tesouro histórico e turístico da nosa comarca. Na interpelación reclaman á Xunta que colabore co Concello de Ribeira na investigación histórica do Peirao da Covasa e na súa posterior rehabilitación e posta en valor. Asemade, en virtude da Lei 5/2016, pídenlle á Consellería de Cultura que “coopere para fortalecer e mellorar a súa vixilancia e seguridade”.

Os socialistas opinan que “boa parte do patrimonio cultural de Galicia está en estado de abandono correndo serio risco de desaparición, ben por desleixo dos seus propietarios ou responsábeis (particulares ou administracións) ou ben por accións inapropiadas de rehabilitación ou conservación”. Segundo fan saber, “hai determinados casos de abandono que pola súa transcendencia son ben coñecidos e non se entende certa pasividade da Administración autonómica, é o caso do peirao ciclópeo da Covasa, na parroquia de Aguiño (Ribeira), coñecido tamén como peirao fenicio, e cuxas orixes non son certas”, xa que, segundo lembran os deputados, “algúns investigadores aseguran que a súa orixe é fenicia, mentres outros sosteñen que se construíu entre finais do século XVIII e mediados do XIX para unha industria catalá da conserva”.

En todo caso, engaden, “trátase dun patrimonio único que hoxe presenta un grave estado de deterioro que avanza no tempo debido aos efectos dos golpes de mar e á entrada da marea polo punto cardinal sur que causan o descalce dos bloques de pedra que conforman o peirao, xa que durante a explotación da canteira anexa nos anos 40-50 voaron con explosivos unhas pedras que o defendían por ese punto concreto”.

O grupo socialista galego opina que os traballos feitos polo Concello para a súa investigación e posta en valor non son completos, xa que, segundo din, o proxecto (para o que se contou coa autorización de Costas) non abrangue unha parte do espigón lateral. “Esta iniciativa foi obxecto de alegacións”, engaden, “polo que de momento a obra está paralizada”. Os deputados din que “o importante agora é que todas as administracións implicadas colaboren para evitar un maior deterioro do peirao, así como na súa rehabilitación e posta en valor nunha contorna que ten ademais restos dunha zona de prensado de salgadura”.

Tamén cren que a colaboración debera pasar en primeiro lugar, “e antes de calquera intervención de

restauración”, por unha obrigada investigación histórica que poña fin ás incertezas acerca das orixes deste ben, que podería ser un dos peiraos máis antigos de Galicia, e por un estudo xurídico-técnico da súa situación.