O PBBI de Ribeira solicita sacar a licitación pública a xestión da canceira municipal

O Grupo Municipal Partido Barbanza Independente (PBBI) achegou unha moción para ser debatida en pleno relativa á canceira municipal de Ribeira, o estado no que se atopa e as necesidades urxentes que presenta. Segundo apunta o voceiro da agrupación, Vicente Mariño de Bricio, é “de necesidade” que o Concello de Ribeira “elabore e aprobe as bases para sacar a canceira a licitación pública, en igualdade de condicións para empresas e sociedades protectoras de animais, a xestión da canceira municipal”. Isto incluirá a recollida e esterilización de animais, a promoción das adopcións e medidas de calidade de vida que “redunden no sacrificio cero”.

O grupo recorda que dende que empezou a emprestar servizo, o Concello contratou a prestación do servizo de xestión da canceira á empresa Servigal. “Isto, que ía ser temporal á espera de que se sacase a concurso, foise prolongando no tempo e xa pasaron trece anos desde entón, e que está a ser xestionada por esa firma, que se fai cargo da recollida de animais, así como dos seus coidados e mantemento”, explican dende o PBBI, lembrando que Servigal mostrou interese dende o primeiro momento en que se iniciase o procedemento para a súa adxudicación, pero “ningunha das súas peticións chegou a saír adiante”, malia ser a dita empresa “a principal interesada neste proceso, xa que non recibe os recursos suficientes para os gastos que ten que afrontar, tanto de persoal, mantemento das instalacións e dos animais, vehículo, de veterinario, de medicamentos e outros”.

A agrupación que coordina Vicente Martiño valora positivamente no seu comunicado o apoio recibido pola canceira da man da ribeirense Mari Carmen Campaña, a través da plataforma de adopción Losolvidados de la perrera de Ribeira, que logrou que puidesen saír desas instalacións e entregarse a diferentes fogares ao redor de 4000 cans, “sendo a única asociación que realizou unha difusión e axudou a que os animais abandonados haxan podido ter outra vida”.

O PBBI recoñece saber que o Executivo local mantén conversacións con algunha sociedade protectora de animais da zona para que se faga cargo da xestión da canceira municipal, “pero entendemos que ese servizo non debe entregarse a dedo a ninguén, senón que debe sacarse a concurso para que todos os que estean interesados poidan presentarse como licitadores en igualdade de condicións”.

A agrupación tamén solicita que “se informe axiña aos grupos municipais, ben a través da xunta de portavoces ou da maneira que se considere máis operativa, de cales son as intencións do Executivo local en relación á xestión da canceira, así como sobre a evolución de calquera tipo de xestión que se realice respecto diso”.