O CEIP Santa María do Castro celebra o Entroido con Pedro Brandariz e o Día das Nenas na Ciencia con Sonia Villapol

10 Febreiro 2021

Se ben a situación sanitaria actual non permite que teñamos un Entroido convencional, boa parte da veciñanza da nosa comarca xa está preparando diversas iniciativas seguras que permitan manter viva unha das festas máis importantes, creativas e retranqueiras do noso calendario. Por exemplo a comunidade do Colexio de Cabo de Cruz (CEIP Santa María do Castro), que segundo compartiu onte, ten “unha axenda apertada nesta semana de Entroido”. Así, amais da celebración da festa en si mesma “con todas as medidas se seguridade dentro do protocolo anti-COVID”, o centro recibirá unha visita moi especial: a do actor e humorista Pedro Brandariz, que ofrecerá ao alumnado un espectáculo ao abeiro das aulas burbulla, coa proposta Contos Choqueiros, unha peza que ten ás súas costas unha notábel traxectoria de éxito entre o público escolar.

Outra das citas celébrase este xoves 11 de febreiro, coa conmemoración do Día Internacional da Muller e Nena na Ciencia, para a cal o alumnado gravou uns vídeos con preguntas dirixidas a unha neurocientífica galega afincada en Estados Unidos, Sonia Villapol. Segundo informa a comunidade do centro, “con este serán tres anos consecutivos os que se leva traballando dende o CEIP Santa María do Castro para achegar a ciencia ao alumnado e facéndoo con perspectiva feminista, con vistas a potenciar posíbeis vocacións nas nenas e rachar con estereotipo de xénero que impera en certas carreiras”.

Tamén esta semana o colexio de Cabo participa no programa de reparto de leite e froita na escola promovido pola Consellería de Medio Rural (FOGGA) co obxectivo de promover hábitos saudábeis entre o alumnado. “Este programa”, sinalan dende o centro, “ten moito éxito entre a comunidade educativa polo que xa son varios anos consecutivos os que se celebra”. Porén, esta convocatoria será a primeira na que se amplía a súa duración e esténdese a 20 días lectivos distribuídos en dúas datas (o reparto de froita fresca) e outros 24 días seguidos repartindo leite enteira ou sen lactosa.

Dous proxectos de formación

A maiores de todo o devandito, o colexio de Cabo de Cruz está a fomentar a formación permanente do profesorado a través da posta en marcha de dous proxectos.

Primeiramente, trátase dunha iniciativa de adestramento en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), iniciada o curso pasado a través do Proxecto e-Dixgal, e que posibilita o uso dun portátil para todo o alumnado de quinto e sexto de primaria. Este ano todo o alumnado de cuarto curso tamén conta con portátil de uso individual.

Por outra banda, este curso o centro participa nos Contratos-Programa da Consellería de Educación. Son varias liñas de formación e financiamento: inclusión, convivencia, igualdade, promoción da actividade física e educación emocional. Todos estes aspectos desenvolveranse con obradoiros e iniciativas prácticas para formar ao alumnado nestas áreas, por exemplo o obradoiro sobre resolución de conflitos que comeza esta semana para as e os estudantes e cuarto, e outro de xestión emocional para estudantes de sexto. A encargada de impartir estes contidos será unha profesional dun gabinete de Santiago de Compostela e desenvolverase durante varias sesións.

Ao longo do curso tamén se levará a cabo un proxecto de dinamización lingüística sobre o Camiño de Santiago.

Outros artigos

Boiro impulsa un Camiño Escolar Seguro cara aos centros educativos

O Concello de Boiro e a Policía Local, xunto coa comunidade educativas do CEIP Santa Baia, o CEIP Praia Xardín e o IES Praia Barraña realizaron este 24 de abril unha xornada promocional do Camiño Escolar Seguro. Na actividade participaron o alcalde, José Ramón Romero,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

Ela pensaba que morría aquela mesma noite. Despídese das amizades, dos poucosfamiliares que lle quedaban, vai ao refuxio dos animais abandonados e dálle un bico a cadaun dos cadelos e a algunha das cadelas que moraban naquel espazo cheirento, naquel lugarque fedía e...