O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira achegouse este venres á praia de Area Secada, no Touro, para presentar unha serie de peticións urxentes en relación coa contaminación na ría de Arousa e a necesidade de impedir que se dean incidentes tan graves como a vertedura de fuel do pasado outono, unha mancha de combustíbel de máis dun quilómetro de extensión que se ben non afectou aos polígonos bateeiros (grazas ás correntes mariñas e ás embarcacións de Salvamento), si chegou ás proximidades do parque nacional das Illas Atlánticas, concretamente á illa de Sálvora e á de Ons, lembrou o BNG de Ribeira, que, “pasado un tempo prudencial”, rexistrou iniciativas no Concello de Ribeira e no Parlamento galego ao ver que, “nin Xunta nin Concello están facendo nada para depurar as responsabilidades que sexan precisas sobre ese episodio contaminante”.
Desde o BNG apuntan a que “nos primeiros momentos todo parecía indicar que a vertedura procedía dun sentinazo, pero logo da investigación do Servizo de Protección á Natureza (SEPRONA), esta posibilidade ficou desbotada concluíndo que proviña dunha industria conserveira e saíu polo emisario submarino do Touro após pasar por varios tanques de tormenta”. Os nacionalistas cren que “a realidade das rías galegas e, en particular, a da ría da Arousa é que presenta un nivel de verteduras que mina continuamente os recursos naturais da zona e que teñen un gran impacto no entorno dunha área extremadamente sensíbel dende o punto de vista produtivo e medioambiental”.
O concelleiro, Luís Pérez Barral, aclarou que as investigacións da administración galega sinalaron que a ría de Arousa foi no ano 2019 a que máis verteduras rexistrou con carga microbiolóxica ou química tóxica. “Non se pode esquecer que neste espazo tan privilexiado en termos produtivos desenvolven habitualmente o seu traballo preto de 2000 embarcacións de baixura e marisqueo a frote, milleiros de bateeiros e mariscadoras a pé, aos que hai que sumar a riqueza que de xeito inducido xera a actividade extractiva no mar noutros segmentos da actividade económica” acrecentou o edil.
No caso do emisario submarino de Touro, lembrou que “aínda están preto os episodios contaminantes que se produciron en varias ocasións polo seu deterioro e por non cumprir as súas funcións de depuración e dilución, mesmo algún deles foi, no ano 2007, obxecto de sentenza xudicial contra o Concello de Ribeira por afectar a un polígono de bateas”. Segundo dixo, “dende que entrou en funcionamento a EDAR de Ribeira, os documentos oficiais recollen que o emisario debería evacuar as augas residuais depuradas do Polígono de Xarás e, no caso dun fallo na depuradora, debera aliviar de emerxencia e evitar que as augas residuais sen depurar cheguen ao mar”. Para o Pérez Barral, esta situación fai “máis palpábel que nunca”, a proposta que sempre foi defendida polo BNG; que o Polígono de Xarás precisaba e precisa dunha depuradora específica que evite a contaminación mariña.
Segundo o edil nacionalista, “faise evidente que a contaminación da ría e os mecanismos de control e contención seguen a ser insuficientes para evitar que se sigan a dar episodios contaminantes na ría e iso, após investimentos multimillonarios por parte das distintas administracións públicas”. Segundo argumenta, “este episodio contaminante demostrou que o sistema de depuración fallou e non houbo maneira de que a vertedura fose controlada antes de que afectara ao medio mariño”.
Pérez Barral recorda que “na actualidade existen sistemas técnicos, ferramentas suficientes e mesmo unha investigación do SEPRONA, para dar cos responsábeis e poderlles aplicar a sanción correspondente á infracción cometida”. E engadiu: “A día de hoxe nin a Xunta de Galiza, nin o Concello de Ribeira, explicaron cal vai ser a súa actuación ante este grave feito; nin se abriron expedientes para dilucidar o acontecido, non se sabe se van ou non esixir responsabilidades e, de ser o caso, establecer as sancións correspondentes” detallou.