Medio Ambiente regula a nova tempada da anguía no Tambre (entre o 1 de maio e o 30 de setembro)

A Consellería de Medio Ambiente publicou a resolución pola que se regula a pesca da anguía na desembocadura do río Tambre durante a vindeira tempada, que se estenderá desde o 1 de maio ata o próximo 30 de setembro. Segundo consta na devandita resolución, “queda aprobada a renovación do plan de aproveitamento específico desta especie para o ano 2021” e “mantéñense os principais requisitos que rexeron nesta zona durante a campaña anterior”.

En concreto, estipúlase que o tamaño mínimo das capturas queda fixado en 20 centímetros, “coa obriga por parte dos pescadores de devolver ao río aqueles exemplares que non dean a talla, así como as anguías prateadas e outros peixes que poidan entrar nas nasas”.

O total admisíbel de capturas para toda a tempada será de 1000 kg polo que unha vez alcanzada esta cantidade, darase por pechada.

Así mesmo, para poder practicar a pesca da anguía na desembocadura do Tambre a única arte permitida será “a nasa-voitirón”, cun tamaño de malla “non inferior a 14 milímetros e un límite de 10 artes por tripulante”. Amais, as nasas deberán ser levantadas e revisadas diariamente.

O horario autorizado para levar a cabo esta práctica estenderase desde as 12.00 horas do luns e ata as 12.00 horas do sábado, cun máximo de oito horas diarias de traballo, e quedando en todo caso vedada fóra desa franxa.

Por certo que a pesca da anguía é unha actividade profesional tradicional con gran importancia na comarca do Barbanza, tanto na súa vertente norte (coa actividade pesqueira do esteiro do río Tambre) como na vertente sur, na desembocadura do Ulla.