En Boiro continúan as restricións, con 8 denuncias por incumprir as normas anti-COVID

O Concello de Boiro realizou este primeiro de febreiro unha nova sesión da Comisión de Seguimento da Evolución da COVID-19, que se celebra de xeito semanal co fin de analizar os datos e a incidencia da pandemia no municipio e valorar as medidas de seguridade e prevención. Na reunión participaron o coordinador de Protección Civil, a coordinadora de Servizos Sociais e o oficial- xefe da Policía Local.

Segundo datos do Servizo Galego de Saúde, o número de positivos e novos contaxios segue a descender no municipio, polo que a evolución da pandemia é favorábel. Sen embargo, é preciso manter a vixilancia e extremar as medidas de seguridade e protección. Así, a Policía Local mantén os controis para garantir que se cumpran as medidas. De feito, os axentes xa efectuaron un total de 8 denuncias; 2 polo uso indebido de máscara, 4 por incumprir o toque de queda e 2 por incumprimento das restricións en canto a xuntanzas.

O municipio está no nivel máximo de restricións dende o mes de decembro. Por iso, o servizo de Protección Civil e Emerxencias e os operarios municipais continúan cos baldeos e desinfeccións en lugares concretos, ademais de axudar a asistencia de persoas illadas con positivo derivadas dende servizos sociais para a recollida de lixo ou entrega de alimentos. Tamén levan as solicitudes para adherirse ao servizo de teleasistencia da Deputación Provincial da Coruña ou as Tarxetas Moedeiro de Cruz Vermella.

No que respecta ás medidas de prevención e seguridade a nivel municipal, continúa o peche temporal de parques infantís, instalacións deportivas e centros sociais e socioculturais, así como a suspensión do mercado semanal dos martes.