
O Concello de Boiro aprobou na sesión plenaria deste 3 de febreiro destinar un importe de 218.033,17 euros do Plan Único Concellos da Deputación Provincial da Coruña a gastos sociais extraordinarios. Con esta achega provincial vaise aumentar a partida destinada aos servizos sociais municipais ata chegar a 1.220.159,42 euros.
A proposta do Goberno local, realizada “analizando as necesidades trasladadas polos departamentos de servizos sociais e educación”, aprobouse por unanimidade por todos os membros da Corporación. Esta contribución provincial dirixirase a aumentar e mellorar os servizos en materia social que presta o Concello de Boiro, “sobre todo aqueles que se viron incrementados como consecuencia da situación sanitaria”, explicou o Goberno local.
Unha parte desta achega provincial, 26.343,10 euros, empregarase para ampliar as partidas destinadas a “garantir ingresos suficientes ás persoas maiores, con diversidade funcional, en risco de exclusión social, vítimas de violencia de xénero… co obxectivo de asegurar a cobertura das necesidades básicas como son vivenda, alimentación ou gastos médicos”.
Unha parte de 15.000 euros destinarase a axudas para axudar ás familias a afrontar os gastos que faciliten a escolarización, a adquisición de material informático ou o acceso aos medios dixitais.
Amais, reservaranse 113.689,97 euros da contribución provincial para ampliar o servizo de axuda a domicilio en todas as súas modalidades xa que, “durante o confinamento multiplicouse a demanda do servizo de axuda no fogar”, informou o Concello, engadindo que un importe de 10.000 “vaise destinar ao reforzo dos servizos e axudas económicas para levar a cabo medidas de conciliación”.
Axuda ás persoas sen fogar e adquisición de EPIs
Tamén se fixo saber o acordo para encamiñar unha cantidade de 5.000 euros ao reforzo das axudas económicas de atención a persoas sen fogar que se veñen prestando, e outros 5.000 euros para a adquisición de medios de prevención (EPIS) destinados aos profesionais dos servizos sociais con vistas ao desempeño das súas funcións e persoas usuarias dos programas que non dispoñen dos medios para adquirilos.
Ademais, “co obxectivo de mellorar o servizo de atención e asistencia, así como facilitar as tramitacións urxentes de prestacións”, vanse destinar 33.000 euros ao reforzo de persoal adscrito ao departamento de servizos sociais.
Igualmente, resérvase unha cantidade de 10.000 euros desta achega provincial para destinar a outras medidas que sexan imprescindíbeis e de carácter urxente que poidan xurdir para atender a persoas especialmente vulnerábeis.
Con esta achega provincial, o Concello de Boiro vai destinar unha cantidade total de 1.220.159,42 euros para o financiamento de gastos sociais.
“As consecuencias da pandemia multiplicaron a demanda dos servizos sociais municipais. Con estes orzamentos, os mais completos dos últimos anos en gasto social, imos tentar cubrir as necesidades xurdidas por mor da COVID-19 así como aumentar a asistencia a persoas vulnerábeis ou en risco de exclusión”, afirmou o alcalde, José Ramón Romero.