Arrinca no Pazo de Goiáns a instalación das xanelas e das portas interiores

Imaxe de arquivo dos traballos de rehabilitación do Pazo-Torre de Goiáns

O Concello de Boiro informou do estado no que se atopan as obras para a recuperación do gran conxunto artístico, histórico e arquitectónico do termo municipal: o Pazo de Goiáns. Segundo fixo saber o Goberno boirense, esta semana comezan os traballos de ebanistería para a instalación das xanelas e as portas interiores. Está previsto que o mércores cheguen as primeiras pezas e arrinque a instalación das mesmas.

O Concello explica que “as poucas ventás que quedaban no prazo eran de pino común e precisaban dun importante arranxo, polo que de considerou que, para darlle un aspecto definitivo, debía empregarse unha madeira de maior calidade”. Así, o material que se escolleu para a elaboración das mesmas é o coñecido como pino albar ou pino norte. Polo que se refire á técnica a empregar, é a de batente directo sobre pedra, “tal e como se realizaban na arquitectura compostelá dos séculos pasados”, informou o Goberno boirense, engadindo que das ferraxes e demais elementos de forxa que permiten que as portas e xanelas se abran e pechen lograron recuperarse algo máis de dous terzos do total das orixinais.

Polo que atinxe ás portas de acceso, que son catro en total no edificio principal, son de madeira de castaño, polo que se decidiu reparar os elementos puntuais deteriorados co paso do tempo e protexelas con lacas específicas, para que “luzan co aspecto máis orixinal posíbel”.

O Concello engadiu que as obras de rehabilitación do Pazo de Goiáns “avanzan a bo ritmo” e “está previsto que estean rematadas a comezos deste verán”.

Por outra parte, a Comisión de Avaliación e Planificación do futuro do Pazo de Goiáns traballa para determinar os posíbeis usos da edificación e da súa contorna, atendendo a criterios arquitectónicos, medioambientais, culturais, históricos… unha vez rematen as obras de rehabilitación.