Adaptado o horario dos autobuses entre Noia, O Son e Ribeira para reducir as esperas dos estudantes á saída dos institutos

10 Febreiro 2021

A medida da Xunta atende un total de 348 paradas e traslada a máis de 1.000 escolares nun día lectivo medio.

foto xoán crespo

A Xunta decidiu adaptar o horario de saída dos autobuses que trasladan aos estudantes de Noia ata Ribeira, coa fin de axustalo á saída dos institutos e reducir as súas esperas na estación.

O cambio de horario será efectivo desde este venres, día 12 de febreiro, unha vez transcorrido o prazo establecido dunha semana desde a aprobación para as modificacións dos horarios.

A partir dese día, o autobús adiantará a súa saída de Noia ás 15:05 horas, facilitando así o regreso aos domicilios dos estudantes, que son os usuarios maioritarios dese servizo.

Con esta medida a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade atende a solicitude dos centros educativos e axusta o funcionamento do transporte público á súa xornada lectiva, facilitando os desprazamentos do alumado entre Noia, Porto do Son e Ribeira.

Este traxecto forma parte do contrato de concesión para a comarca do Barbanza que botou a andar o pasado 23 de decembro.

Nos primeiros momentos da implantación efectiva considerouse máis adecuado trasladar ás 15:30 horas a expedición que tiña a saída de Noia ás 15:00 horas, de xeito que atendese os traslados dos estudantes dos institutos e, á vez, dese tempo a que chegasen á estación de autobuses outros posibles viaxeiros.

Porén, a información trasladada polos centros educativos noieses e o seguimento que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén sobre o funcionamento do transporte público, especialmente intenso nos contratos de implantación máis recente, permitiu determinar que os principais usuarios desa expedición son estudantes.

Polo tanto, procedeuse a tramitar o preceptivo procedemento administrativo que aprobou a recuperación do horario ás 15:05 horas, que reduce as esperas dos alumnos na estación.

O Goberno galego agradece a colaboración dos centros educativos en materia de transporte, pois axuda a manter o servizo o mellor axustado posible ás necesidades da cidadanía.

O novo contrato XG847-comarca do Barbanza implantado en decembro supuxo melloras na coordinación dos servizos entre Ribeira, Porto do Son, Noia e Santiago de Compostela, minimizando os tempos de espera. Ademais, estendeu a cobertura territorial grazas á integración das liñas escolares nos concellos deste ámbito e ampliou a conexión co Hospital do Barbanza ata acadar 24 servizos diarios de luns a venres desde a primeira hora da mañá ata a noite.

O mapa de servizos desta área está composto agora por 58 liñas, das cales 34 son integradas e en 33 funcionan servizos baixo demanda, atendendo un total de 348 paradas e trasladando máis de 1.000 escolares nun día lectivo medio.

En total, a nova oferta de transporte público desta comarca superará os 140.000 servizos anuais, sumando máis de 2,5 millóns de quilómetros percorridos por 43 autobuses e dando emprego a 50 condutores e 18 acompañantes.

A Xunta inviste máis de 1,16 millóns de euros anuais ao mantemento deste contrato.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

Despois de tantos anos de período democrático e de liberdades en España, queda de manifesto que o espírito da transición durou o xusto e necesario para que se producise unha amnistía xeral de todos os crimes cometidos durante as catro décadas da ditadura militar...