A Deputación financia a creación de 593 (70 na comarca) postos de traballo nos concellos este ano

A Deputación da Coruña publica hoxe no BOP a resolución de concesión das axudas do programa PEL-Concellos, que na anualidade 2021 destinará o dobre de fondos con respecto ás convocatorias dos anos anteriores, chegando aos 6 millóns de euros en axudas para a contratación de persoal para a execución de obras e servizos municipais dos 82 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, anunciou que con estes fondos “os concellos crearán este ano un total de 593 empregos nun contexto socioecomómico especialmente difícil, marcado polas consecuencias da pandemia da Covid-19.”  De aí que, entre as tarefas a prestar polo persoal contratado, inclúanse esta ano dúas adicionais relacionadas coas novas necesidades xurdidas a raíz da pandemia, que son as de conservación, mantemento e vixilancia dos edificios de titularidade local destinados a centros públicos de educación infantil, primaria ou especial e as tarefas de protección da salubridade pública.

“Con 6 millóns de euros de orzamento en 2021, PEL Concellos é o maior programa de creación de emprego municipal impulsado por unha administración local en Galicia e ofrecerá unha oportunidade laboral a preto de 600 perosas nun contexto social e económico tan difícil coma o actual”, afirmou González Formoso, que subliñou o “carácter social” dun programa que prima a contratación das persoas pertencentes a aqueles colectivos con maiores dificultades para atopar un emprego e remarcou que o persoal contratado contribuirá a mellorar os servizos públicos dos municipios.

O presidente sostivo que a creación de emprego e a protección social dos colectivos máis desfavorecidos son os dous obxectivos principais do Goberno provincial neste 2021, co obxectivo de “contribuír á reactivación económica sen deixar a ninguén atrás”.

Grazas a este incremento de fondos propios da Deputación destinados a PEL-Concellos,  un total de 593 persoas desempregadas contarán cun emprego relacionado co desenvolvemento de servizos municipais, que inclúen os de mantemento de alumeado público, recollida de residuos, limpeza viaria, abastecemento de auga potable e redes de sumidoiros, melloras nos acceso aos núcleos de poboación, pavimentación das vías públicas, mantemento de parques e xardíns, tratamento de residuos ademais dos xa mencionados anteriormente de protección da salubridade pública e mantemento e vixilancia dos centros públicos de ensino.

Maior estabilidadedas contratacións

Destaca especialmente que neste ano tan convulso os concellos optan polo fomento do emprego estable e de calidade, xa que a meirande parte decidiron realizar contratacións máis duradeiras,aliñándose cos obxectivos do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña de fomento da estabilidade no emprego. Así mesmo, unha maior duración na prestación do servizo polas mesmas persoas redundará nunha maior calidade do mesmo e, por ende, no benestar da cidadanía.

Así, nas ofertas de emprego dos concellos a meirande parte dos contratos contarán cunha duración de 6 ou 7 meses, supoñendo arredor do 40% do total de contratacións que se realizarán, seguidos das de duración superior aos 7 meses, cun 30%, e das contratacións por 5 meses, que supoñen o 13% do total. Estas contratacións, que xa se están comezando a realizar, deberán desenvolverse entre o período comprendido desde o 1 dexaneiro ata o 31 de decembro de 2021.

6 millóns de euros en axudas directas á contratación de persoas desempregadas en risco de exclusión

En canto ao reparto dos 6 millóns de euros, este realizouse en base a criterios obxectivos, atendendo á porcentaxe resultante de dividir o número de persoas desempregadas no concello entre o número total de persoas desempregadas na totalidade dos 82 concellos de menos de 20.000 habitantes. As axudas para a contratación oscilan entre os 104.000 euros e os 38.000 euros, o dobre que o ano pasado.

Entre os concellos que se beneficiarán das axudas máis cuantiosas están Sada, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Cee, A Laracha, Fene, Ordes, Padrón e Teo.

A distribución por comarcas e por concellos en canto a importe de axudas concedido e aos postos de traballo a ofertar é a seguinte:

COMARCA DO BARBANZA ImportePostos 
BOIRO              103.996,35 €5 
CARNOTA                 68.000,00 €8 
LOUSAME                 62.000,00 €8 
MAZARICOS                 61.968,80 €8 
MUROS                 92.000,00 €7 
NOIA                 98.449,32 €11 
OUTES                 74.000,00 €6 
A POBRA DO CARAMIÑAL              104.000,00 €7 
PORTO DO SON                 92.000,00 €4 
RIANXO              104.000,00 €6 
TOTAL             860.414,47 €70