A campaña de San Valentín de Ribeira premiará á cidadanía con tarxetas prepago para consumir na hostalería local

A Asociación de Empresarios de Ribeira presentou este 4 de febreiro no seu local a campaña comercial para a celebración do 14 deste mes, o Día de San Valentín. A campaña, que se presentou como un novo chamamento de urxencia á cidadanía de Ribeira para que mostre unha vez máis o seu firme compromiso co comercio local neste contexto de crise, vén con premios de até 600 euros para ser gastados na hostalería de Ribeira, aos que aspirarán todas aquelas persoas que merquen e consuman nos establecementos participantes.

A iniciativa deuse a coñecer baixo o seguinte lema: Agasalla Comercio Local de Ribeira por San Valentín. O obxectivo: incrementar as vendas e incentivar o consumo no pequeno comercio retallista na hostalería de Ribeira. Desenvolverase dende o día 8 de febreiro (o vindeiro luns) até o 14 do mesmo mes.

Na presentación participaron o presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, Francisco Martínez Gude, e o concelleiro de Dinamización económica, Ramón Doval Sampedro.

Segundo confirmaron, o sorteo realizarase de forma telemática o martes 16 de febreiro ás 12:00h no local da Asociación de Empresarios. Tamén recomendaron que os consumidores participantes conserven os seus tíckets da compra ou consumición realizada, “a fin de dispoñer dun xustificante”. Ademais, deberán rexistrarse previamente na campaña a través da pestana Sorteos, na web da Asociación de Empresarios de Ribeira, efectuando o correspondente rexistro da compra ou consumición realizada, que dará dereito a unha participación no sorteo. No rexistro deberá quedar “perfectamente identificada a operación de compra/consumición realizada e o cliente ou consumidor”, engadiron.

Os premios serán 3 tarxetas prepago de 100€ e 6 tarxetas prepago de 50€ para gastar nos establecementos hostaleiros participantes nesta campaña. O importe do premio debe ser gastado nos locais participantes como data límite o 30 de xuño de 2021.

“Con esta iniciativa”, explicou Francisco Martínez Gude, “queremos apoiar ao sector hostaleiro que é un dos máis prexudicados por mor desta pandemia”.

A campaña segue aberta a todos aqueles socios que queiran participar. Ata este momento están anotados preto de 40 establecementos.