A 3ª edición do proxecto 21 días co galego e +, impulsado dende A Pobra, arrinca coa participación de 4.000 escolares

22 Febreiro 2021

Entre as iniciativas para dar impulso á nosa lingua no ámbito docente sen dúbida brilla con luz propia a experiencia de 21 días co galego, posto en marcha hai anos no IES da Pobra pola profesora Pilar Ponte, que foi quen de mobilizar a unha chea de rapazas e rapaces para que se lanzasen a falar a nosa lingua, sen interrupción, durante o número de xornadas que se estipula no nome do proxecto. Tal e foi a repercusión da proposta que a Consellería de Cultura e Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística decidiron levala máis aló do local e estendela a todo o ámbito galego. Tal e como se prevía, o chimpo autonómico de 21 días co galego (chamado agora 21 días co galego e +) saldouse cun notábel éxito nas súas dúas primeiras edicións. Para a terceira entrega, xa acadou a implicación directa de 4.000 estudantes de dez centros de ensino, que comezan o reto das máis de cincocentas horas convertidos en galegofalantes.

Estes e outros detalles foron dados a coñecer este luns polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que participou na vídeo-reunión de apertura desta terceira edición do programa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Como novidade, a iniciativa amplíase como experiencia piloto á etapa de Primaria.

Valentín García aproveitou para agradecer “o esforzo do profesorado, especialmente dos equipos de dinamización da lingua galega, e da comunidade educativa en xeral”, xa que “aínda que o alumnado é o protagonista, o profesorado, as ANPAS e as familias ou o persoal de administración e servizos dos centros educativos participantes son determinantes para o éxito da actividade”.

García quixo incidir na importancia “desta oportunidade para visualizar a lingua entre a mocidade e animala a que incorpore o idioma aos seus usos lingüísticos, a través de actividades lúdicas e orixinais, e tamén nas súas relacións persoais e no emprego das tecnoloxías”.

Tamén participaron na apertura o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e os coordinadores da iniciativa, Pilar Ponte e Roxelio García.

Agora tamén en Primaria

Entre as novidades, e na súa aposta por medrar dinamizando, o programa esténdese de maneira piloto á etapa de Primaria no CPR A Inmaculada de Lugo coa participación de alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º desta etapa. Ademais de incluír alumnado desde os 8 anos neste centro de Lugo, súmanse tamén á iniciativa os IES coruñeses As Mariñas (Betanzos), Carral e Lamas de Abade (Santiago de Compostela); o Perdouro (Burela); os ourensáns Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras) e Taboada Chivite (Verín); e os pontevedreses Ramón Cabanillas (Cambados), Sánchez Cantón e Santa Irene (Vigo).

Ademais, incorpora tres importantes colaboracións externas: a do programa Galicia por Diante da Radio Galega, que terá unha sección diaria ao longo do seu desenvolvemento na que os centros lle contarán á audiencia os temas que abordaron e como está a ser a súa participación; a do programa #DígochoEu! da TVG, con encontros entre o equipo audiovisual e os dez centros educativos participantes e tamén coa realización de vídeos propios do formato deste espazo de grande éxito entre a mocidade; e a do Foro Peinador, que achegará o eido da empresa en galego aos centros educativos para “poñer en valor a importancia do mundo laboral no desenvolvemento cultural da sociedade”.

Todo isto poderase seguir desde o blog 21 Días co Galego e + e tamén desde o Portal da Lingua Galega.

A orixe do proxecto

A iniciativa 21 Días co Galego e + é unha actividade promovida pola Xunta de Galicia que ten a súa orixe en 21 Días co galego, unha experiencia que, baseada nos 21 días que se consideran necesarios na adquisición dun hábito, desenvolveuse no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte e que, desde o curso 2018-2019, a Xunta asumiu como propio para facelo extensivo a outros centros galegos. A iniciativa recibiu os premios Rosalía de Castro de Lingua 2019 da Deputación da Coruña e da Cultura Galega 2019 da Xunta na modalidade de Lingua.

Toda a actividade na Rede

O soporte central da iniciativa é o blog 21 Días co galego e +, onde se mostran as creacións das e dos participantes, que deberán seguir e actualizar cada día os centros para recibir contidos. Nesta web poderán consultar o reto que deberán superar en grupo unha vez á semana ou as gravacións individuais que terán que realizar as rapazas e rapaces para deixar constancia das súas reflexións sociolingüísticas sobre a experiencia. Así mesmo, estarán dispoñíbeis no blog as presentacións dos participantes e as creacións realizadas sobre contidos elixidos por eles, e as fins de semana as familias tamén recibirán propostas de retos para realizar colectivamente coas fillas e os fillos, entre outros contidos.

A iniciativa 21 Días co galego e + está centrada no fomento da lingua oral mediante a asociación do galego coa modernidade, coas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) e coas redes sociais, emprega unha metodoloxía baseada na aprendizaxe por proxectos e no traballo cooperativo. Ademais, “co obxectivo de facer máis atractivas as actividades propostas”, introduce elementos de gamificación que poden ir desde os xogos máis tradicionais a experiencias innovadoras, entre elas tarefas colectivas como os retos.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La derecha no muerde”. José Castro López

“La derecha no muerde”. José Castro López

Hace un año, el presidente Sánchez cumplimentó a Giorgia Meloni, jefa del Gobiernode Italia, en visita protocolaria. Ambos intercambiaron palabras amables y elogiosmutuos -diplomacia de libro-, hablaron de problemas comunes, como la inmigración -curiosamente ahora...