Até 170 empresas recibirán as axudas do PEL Reactiva en Boiro

O Concello de Boiro publicou a resolución provisional das axudas do PEL Reactiva para autónomos e empresas que se convocan grazas ao financiamento da Deputación Provincial da Coruña, destinadas, como lembraremos, a axudar a combater a crise económica e social provocada pola COVID-19. O Goberno boirense confirmou que un total de 170 empresarios e autónomos serán beneficiarios destas axudas, que ascenden a un total de 333.500,00 euros.

Os apoios están dirixidos a empresarios/as, con ou sen traballadores/as ao seu cargo, e microempresas, sexa cal sexa a súa forma xurídica, e están encadradas en tres grupos. O grupo 1, para micromepresas e autónomos que se visen afectados polo peche do estado de alarma, no que en Boiro hai 151 beneficiarios e se concede un importe total de 297.500 euros. O grupo 2, para aquelas que non se visen afectadas polo peche pero que a súa facturación no segundo trimestre se vise reducida un 75%, no que hai 14 concesións dun importe total de 24.000 euros. O grupo 3, para aquelas que se visen na obriga de acollerse a un ERTE, no que hai 5 beneficiarios cun importe total de 12.500 euros.

Os autónomos e empresas beneficiadas poden, con este importe, comprar material antiséptico, produtos hixiénicos e de limpeza; sufragar gastos de arrendamento e canon, como maquinaria, vehículos, locais ou instalacións; gastos de reparación e conservación ou adaptación de locais ás medidas de protección fronte á COVID-19; primas de seguros ou subministracións.

O Concello confirmou que as solicitudes presentadas foron puntuadas segundo os criterios establecidos nas bases, iguais para todos os Concellos da provincia, e que teñen en conta o tipo de empresa, a súa forma xurídica, o número de mulleres, persoas discapacitadas ou menores de 30 anos contratados; ou o uso da lingua galega.

A listaxe provisional de concesións das axudas está publicada na web municipal e, o prazo de presentación de alegacións será de 10 día hábiles a contar dende o seguinte á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.