O inicio do Xacobeo 2021-2022 foi seguido por máis de 1,5 millóns de persoas dende 33 países

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asiste ao espectáculo que celebra o inicio do Ano Santo 2021. Praza da Quintana, Santiago de Compostela, 31/12/20.

Turismo de Galicia vén de facer balance do seguimento logrado co programa especial da apertura da Porta Santa da Catedral de Santiago e o inicio do Xacobeo 2021-2022. Este programa, como lembraremos, foi emitido por streaming e pola TVG. Chegou finalmente a máis de 1.5 millóns de persoas de 33 países, que conectaron nalgún momento co programa a través das diferentes canles, redes sociais e emisións que estiveron cubrindo o acontecemento.

O Goberno galego fixo saber que o maior número de seguidores do evento produciuse a través das redes sociais oficiais de Turismo de Galicia e Camiño de Santiago a través das que se conectaron 1.4 millóns de persoas. Os contidos audiovisuais publicados nestas redes suman xa preto de 1.7 millóns de reproducións que acadaron máis de 25 mil likes.

Ademais, o documental especialmente creado para a ocasión e que serviu de peche para o acto de apertura do Xacobeo, a cargo de Carlos Núñez, xa leva acumuladas preto de 80 mil reproducións ata o momento nas canles de Youtube da Xunta de Galicia e Turismo de Galicia.

A estes datos súmanse os da emisión en directo pola Televisión de Galicia, que, cunha audiencia do 10,8 %, chegou a 329.000 galegos ao longo da súa emisión, o que supuxo que preto do 13 % da poboación do noso territorio conectou nalgún momento coa emisión do programa especial.

Ademais, Turismo de Galicia fixo saber que a retransmisión do programa especial na Televisión de Galicia en Youtube foi seguida, por case 60 mil espectadores e a retransmisión a través de crtvg.gal foi vista por preto de 7.800 persoas, aos que se suman os que seguiron o programa especial a través das redes sociais da TVG.