JEALSA pechou 2020 blindando o seu compromiso sustentábel e medioambiental

12 Xaneiro 2021

A conserveira boirense JEALSA vén de facer balance da actividade xerada no ano que vimos de deixar atrás en materia de políticas de sustentabilidade, economía circular e de responsabilidade social e medioambiental. A empresa salienta no seu informe que foi quen de pechar 2020 fortalecendo o seu compromiso medioambiental a través do seu programa We Sea. Isto mesmo é aplicábel ás súas actividades de RSC, que protagonizaron grandes fitos como a sinatura de diferentes acordos estratéxicos e o desenvolvemento de novos proxectos ambientais. En 2021, o obxectivo na empresa é acelerar o impacto positivo na sociedade a través da fórmula do traballo e a innovación.

“A pesar do complicado ano que atravesamos”, explica Ángeles Claro, directora de Sustentabilidade de JEALSA, “podemos facer un balance positivo da evolución que tivo We Sea, o noso programa de Responsabilidade Social Corporativa, ao longo de 2020. O noso obxectivo durante o ano foi manter e reforzar as colaboracións, certificacións e proxectos que xa tiñamos en marcha, á vez que dabamos resposta ás necesidades laborais e sociais xurdidas por mor da crise sanitaria”.

A tamén directora do programa We Sea engade que “durante o ano afianzamos as bases de importantes alianzas estratéxicas que nos van a permitir intensificar o impacto en materia de sustentabilidade e coidado do medio ambiente durante o 2021”.

No seu balance, a empresa destaca, en materia de políticas de calidade, a incorporación de novas certificacións como a certificación FOS de cadea de custodia, “que garante que os produtos proveñen de fontes ambientais responsábeis para ingresar ao mercado”, e iniciou os trámites pertinentes para ampliar o alcance dalgunhas das súas certificacións, engadindo novas especies.

Puntos de recarga para coches eléctricos

Doutra banda, JEALSA pon o foco na súa aposta polas enerxías renovábeis. Así, tras alcanzar a neutralidade de emisións de CO2 nas súas instalacións, a compañía prevé levar a cabo “diversos investimentos para conseguir instalacións cada vez máis eficientes, seguir incrementando o volume de produción de enerxía eólica e facilitar a transición cara a unha mobilidade verde, instalando puntos de recarga para coches eléctricos”.

Amais, como parte do seu compromiso coa economía circular, JEALSA destaca o lanzamento ao mercado de 50 novos produtos de alimentación animal a través da súa filial Pet Select, ao que se engade o fortalecemento da súa inversión en I+D+i para proxectos orientados ao aproveitamento e valorización de diferentes materias primas.

Doazóns en tempos de COVID

No ámbito da responsabilidade social, a conserveira fai saber que no marco da actual crise sanitaria, JEALSA e as súas diferentes filiais “ampliaron fortemente” as súas doazóns tanto de alimentos, alcanzando 15Tn, como de material de protección sanitario fronte á COVID-19. A conserveira, para o devandito labor solidario, contou coa colaboración das diferentes institucións e asociacións coas que viña traballando, como Cruz Vermella, Alianza Empresarial, Fundación Atresmedia, Obra Social A Caixa, AMICOS, COGAMI, Banco de Alimentos, Cáritas, diferentes escolas deportivas, así como con diversas protectoras de animais.

Por outra banda, a compañía lembra que pechou dous novos acordos estratéxicos de “gran relevancia” para potenciar a súa actividade en materia de sustentabilidade e coidado do medio ambiente. Así, a compañía adheriuse a Forética, a maior organización referente en sustentabilidade e responsabilidade social empresarial do ámbito estatal, e sumouse ao movemento Marcas Waste Warrior, unha iniciativa impulsada por Too Good To Go para loitar contra o desperdicio de alimentos, de maneira conxunta nos vindeiros meses.

Outros artigos

Todo listo en Boiro para o inicio da gran Cabalgata

O Concello de Boiro, xunto coa Asociación Comisión Parroquial de Santiago de Lampón, organizan un ano máis a Cabalgata de Reis este luns día 5 de xaneiro. A saída da Comitiva Real está prevista para as 18.00 horas da Magdalena e dirixirase a Boiro por Ponte Goiáns e...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“OTAN o NATO”. Manuel Dominguez III

“OTAN o NATO”. Manuel Dominguez III

¿Para qué sirve? La OTAN, Organización del Tratado Atlántico norte, se creó para que la unión de occidente europeo y norte de América, pudieran defenderse mutuamente si uno de los países fuese atacado, por otra potencia, léase Rusia. El problema surge cuando tenemos...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.